Youtubeiras é un proxecto que nace co obxectivo de incrementar a presenza do galego na Rede. A través de diferentes liñas de acción, promove o uso do galego na creación de contidos dixitais con temáticas e formatos diversos, e visibiliza os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos. Este proxecto pretende fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión e impacto social: as persoas creadoras de contido dixital.
Youtubeiras+ chega en 2026 á súa décima edición baixo o lema Dez anos en rede. Para celebralo, incorpora un premio honorífico que vai distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital na nosa lingua.
O certame repartirá 7500 euros entre sete categorías: canle, creación de contidos, podcast, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público.
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e da Deputación da Coruña.













