CORRELINGUA, denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e á infancia e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
Obxectivos
- Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela.
- Sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua.
- Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.
- Contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos e implicar as xeracións máis novas no cumprimento deste obxectivo.
Destinatarios/as
A maioría das carreiras están orientadas principalmente ao alumnado dos centros de ensino secundaria, aínda que tamén propoñemos actividades específicas para as nenas e nenos de primaria e infantil. A través de fórmulas de colaboración varias, participan tamén entidades asociativas e ámbitos diversos. Coa difusión en medios de comunicación e coas propias actividades difúndense tamén mensaxes de defensa e promoción do idioma na sociedade en xeral.