O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra participa un ano máis na organización de Youtubeiras+, que chega á súa décima edición baixo o lema Dez anos en rede. O proxecto quere celebrar o talento das persoas que crean contido nas redes sociais, mais tamén recoñecer o traballo das voces pioneiras no uso do galego en Internet. Con este obxectivo nace unha das grandes novidades da edición deste ano: un novo premio honorífico que vai distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital na nosa lingua.
O certame repartirá 7500 euros en premios entre as persoas premiadas nas distintas categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Os dous primeiros apartados contarán cunha dotación económica de 1250 euros e os cinco restantes, de 1000 euros. Como todos os anos, calquera persoa pode presentar suxestións para o Premio do Público.
O xurado desta edición confórmano o músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns.
O prazo de inscrición permanecerá aberto até as 23.59 horas do 15 de novembro a través deste formulario. As bases do certame están xa dispoñibles para a súa consulta.
Ademais do certame, Youtubeiras+ ofrecerá tres obradoiros formativos en liña para dotar de ferramentas e estratexias enfocadas á creación de contido nas redes sociais. Os tres son de balde, mais requiren inscrición previa. María Rúa impartirá unha sesión nomeada Como ser unha ‘turras’ sen parecelo (7 de outubro), Nuria Grandío encargarase do taller Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais (14 de outubro) e Nee Barros propón un obradoiro de especial interese para a comunidade educativa e o profesorado que leva por título Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais (21 de outubro). O prazo de inscrición remata o día anterior a cada unha das formacións.
Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.





