Inicio Ensino Club de Debate

Club de Debate

O Club de Debate Alingua é un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos co obxectivo de desenvolver as destrezas orais da lingua en distintos contextos, fomentar o debate e consolidar foros de discusión sobre temas de actualidade e de interese social, sobre todo relacionados coa cidade. Busca impulsar o uso oral do galego entre a mocidade, pretende conectar cidade e mocidade; quere ser un punto de encontro para a xente nova, unha oportunidade para coñecer a súa opinión sobre asuntos que lle afectan realmente e desmitificar a imaxe dunha mocidade pasiva, pouco participativa e pouco implicada nos problemas da sociedade.

Defender ideas con palabras é unha forma de pór en valor as habilidades sociais tan necesarias hoxe en día e potenciar a nosa lingua como ferramenta indispensable para defender as nosas ideas.

Obxectivos:

  • Favorecer o emprego da lingua galega na mocidade, en contextos formais e informais.
  • Traballar a oratoria e a fluidez comunicativa, como unha das habilidades sociais máis importantes.
  • Crear novos espazos de socialización en galego a través do traballo en equipo.
  • Coñecer a opinión da mocidade en temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos en canto intereses e preferencias da xente nova.
  • Fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia fronte a diferentes cuestións.

A quen vai dirixido:

Diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes.

Desenvolvemento:

Os equipos estarán formados por todo o alumnado que participe no traballo de preparación dos debates. Porén, os equipos inscritos estarán formados por un número mínimo de catro persoas e un máximo de dez. Ademais cada equipo contará cun profesor/a encargado/a do adestramento do equipo, ao tempo que exercerá as funcións de asesoramento e representación.

A creación dos equipos e o adestramento e preparación serán nos meses anteriores á celebración dos debates públicos, nos que se enfrontarán os equipos inscritos no Club.

Na fase local haberá unha xornada de formación en habilidades comunicativas e unha xornada de debates eliminatoria, na que cada equipo participará en máis dun debate.

Na fase final galega participará o equipo gañador da fase local de Pontevedra enfrontándose cos gañadores das outras fases locais ou comarcais. Dependendo das zonas que participen na fase galega poderán pasar á fase final galega dous equipos de cada zona ou fase local.

Recursos:

Videotitoriais editados polo Club de Debate Alingua sobre comunicación non verbal e paraverbal que ofrecen consellos prácticos á hora de debater ou falar en público sobre aspectos como a aparencia, a postura corporal, a vestimenta, o ruído visual, a importancia da mirada, o uso das mans ou a pronuncia, o ritmo e a entoación da voz..

REDES SOCIAIS

0SeguidoresSeguir
1,628SeguidoresSeguir
413SubscritoresSubscríbete

NOVAS DESTACADAS