O sábado 13 de xuño, ás 11.30 horas, terá lugar no salón de actos do Pazo de Cultura de Pontevedra o acto de entrega da sétima edición dos Premios Mil Primaveras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio.
O acto está organizado pola CTNL e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra. A entrada é de acceso libre ata completar a capacidade da sala, e estará conducido por Iseo a Moura, cantautora e narradora oral, integrante de Blues do País e Sacha na Horta e líder de Måi, cuxo primeiro disco, Nigredo, presentou en 2023.
Durante a gala presentaranse as catro iniciativas destacadas este ano como modelos no proceso de normalización do idioma propio de Galicia, como modelos estimulantes e valiosos para contrarrestar os preocupantes datos de uso da lingua:
- As chaves da lingua é un proxecto didáctico e divulgativo en liña creado pola docente lucense Noemí García Rodríguez que busca mellorar as competencias lingüísticas, fomentar a reflexión e valorizar a riqueza e utilidade do galego, combinando rigor e claridade cun enfoque práctico e accesible. O proxecto destaca pola súa orixinalidade, imaxe, calidade comunicativa e bo uso das redes sociais.
- Comando Le é un grupo de activismo cultural nacido en 2012 dirixido a adolescentes de máis de 12 anos, concibido como un espazo de lecer, encontro e creación en lingua galega. Forma parte da serie de iniciativas da Asociación Espazo Lectura para o fomento da lectura e da lingua dirixidas a diferentes idades, desde os bebés ata o público adulto. Este proxecto consegue involucrar as persoas adolescentes máis aló do ámbito educativo, usando a lingua galega no contexto do lecer. As persoas destinatarias, que son un público moi necesitado de ámbitos que estimulen usaren a lingua, participan voluntariamente e son asemade impulsoras e colaboradoras, tanto no proxecto como no labor da asociación. Esta implicación entusiasta axuda a crear comunidade compartindo orgullo cos seus iguais e fortalece as relacións interpersoais en galego.
- O Depor é da Coruña é un proxecto derivado do Aquí tamén se fala, ambos os dous proxectos naceron no IES Rafael Dieste da Coruña. Busca un cambio de gran relevancia no imaxinario colectivo: a restauración do nome oficial ao Deportivo da Coruña. Parte dun centro con moito alumnado con orixes fóra de Galicia e procura reforzar a estima polo galego a través dunha iniciativa de grande impacto social. Neste proxecto destaca a forza simbólica e a repercusión social fóra do centro educativo; xa que sobordou o ámbito escolar e promoveu a reflexión sociolingüística na sociedade coruñesa e en toda Galicia. A iniciativa, que chama á acción directa, colectiva e planificada, incide no sentimento de pertenza que xera o deporte para traballar a conciencia lingüística.
- Revolta Galega é un programa do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños. Ten como obxectivo traballar a dinamización lingüística no centro educativo de forma planificada e sostida no tempo, cunha programación gradual pensada para intervir durante todo o curso e en todas as etapas educativas. Procura o mantemento e o reforzo da lingua e o coñecemento de tradicións e referentes culturais que melloren o seu prestixio. Este proxecto é un modelo integral de dinamización para todo o centro e en diferentes ámbitos: expresión oral e escrita, creación propia de contidos, relación coas familias ou tradicións. Axuda a afianzar a lingua en contextos galegofalantes e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural, co fin de transmitir orgullo.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica; buscan o recoñecemento e a difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. O galardón identificativo dos VII Premios Mil Primaveras consistirá nunha peza artística elaborada por Artesanía Enxebre, obradoiro de madeira do Barco de Valdeorras.
No web milprimaveras.gal poden consultarse en detalle os catro proxectos escollidos nesta edición, xunto cos premiados nas anteriores edicións; as sete edicións suman xa 33 proxectos de promoción da lingua recoñecidos.




