APEGO no outono 2019

Para unha grande aventura con futuro

Pontevedra, outono 2019

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova quenda de actividades dentro do programa Apego. O programa abrangue distintas propostas dirixidas ás familias que xa tedes fillos e fillas ata 6 anos ou que estades agardando un novo membro; todas elas son de balde, e é necesario inscribirse. Se aínda non formades parte do programa Apego, visitade o web e solicitádenos unha cita www.apego.gal

Todos os obradoiros serán na rúa Sor Lucía, na Casa Azul; na sala dos espellos, no soto, agás a xornada micolóxica, que será na senda do Lérez, co punto de encontro na praia fluvial.

As actividades están dirixidas a familias con nenas e nenos das idades indicadas en cada actividade.

As prazas por familia son para 1 ou 2 adultos por menor. Máximo 25 familias

*Levade unha mantiña ou esteira para sentardes no chan.
**Levade calzado e roupa apropiada para andar pola natureza.
***Levade calzado cómodo ou calcetíns grosos para descalzarvos. Para as familias con bebés, recomendamos levar mochila portabebés para poder movervos libremente e gozar mellor da actividade.

Programa de actividades

Contacontos; de 0 a 4 anos; ata 20 familias
Contos para bebés, con Pavís, Pavós
Nesta sesión aprenderemos a contar pequenas historias apropiadas para as primeiras idades, historias que falan das cousas cotiás enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede para estas funcións. As cores, as formas, os sons, o xogo e o ritmo conforman o seu eixo.
— Venres 8 de novembro, primeira sesión de 17h a 17.30h
— Venres 8 de novembro, segunda sesión de 18h a 18.30h

Contacontos; de 1 a 4 anos; ata 50 persoas*
Nano vai á escola, con Raquel Queizás
Nano vai ter unha nova experiencia vital… vai ir por primeira vez á escola! Como se enfrontará a esta etapa que comeza desde a súa condición de galegofalante? Nano comeza a etapa escolar e é así como vai descubrindo que desde ese lugar tan diverso, a seguridade de ter personalidade e lingua propia van ser un grande apoio.
— Sábado 23 de novembro, de 12h a 12.35h

Obradoiro para familias; ata 25 persoas
Recursos en galego para familias con nenos de 0 a 6 anos*, con Ruth Caramés, de Fabaloba
Neste obradoiro achegarémonos a ferramentas modernas, atractivas e divertidas para aprendermos xogando, cantando, bailando, falando, contando…
— Xoves 28 de novembro, de 17h a 18.30h

Xornada micolóxica; de 0 a 6 anos; ata 20 familias
Apañando cogomelos en familia**, con Brincabois.
Saída de campo para aprender a identificar e apañar diferentes especies de cogomelos, coñecendo as características e nome das diferentes especies da nosa contorna.
— Venres 6 de decembro de 11h a 13h na praia fluvial

Obradoiro de danza; de 0 a 6 anos; ata 15 familias
Dazacontos***, con Laura Martínez Rey
Nesta actividade viaxamos a un mundo imaxinario utilizando como vehículo un conto e o noso corpo, sentindo que somos as nubes, a chuvia, o lume, as follas que leva o vento… converténdonos en diferentes personaxes, transportándonos a historias máxicas que nos levan a explorar e coñecer a nosa contorna a través do movemento e a lingua.
— Sábado 14 de decembro, primeira sesión (de 0 a 24 meses) de 11.15h a 12h
— Sábado 14 de decembro, segunda sesión (de 2 a 6 anos) de 12.30h a 13.15h

Inscripción APEGO no outono 2019