Chega o GALEGOTE ROCK a Pontevedra!

A Concellaría de Normalización Lingüística recupera o festival de música en galego Galegote Rock, tras o adiamento da pasada edición por mor da irrupción da pandemia, mantendo a programación do 80% de bandas programadas para o ano pasado. O festival terá lugar durante tres días (28, 29 e 30 de maio), durante os que se programan 15 concertos en dous espazos que estarán acoutados e contemplarán as medidas sanitarias esixidas: as escaleiras que baixan do parque das Palmeiras cara a Raíña Vitoria e o palco da música na Alameda.

A recuperación do Galegote Rock únese ao concerto de Ortiga programado para o domingo 23 de maio ás 13h na praza da Ferraría, no marco da iniciativa Cabos Soltos, e co que se dá o pistoletazo de saída á que será a recuperación da música ao vivo na cidade.

Os grupos que veñen actuar nesta festival son proba da calidade da música feita na nosa lingua e demostran que somos potencia nun eido tan importante como a música, que ten a capacidade de unir xeracións, estilos musicais, inquedanzas e propostas a través dunha lingua común.

O Galegote Rock pecha deste xeito a programación do Maio, Mes da Lingua, onde este ano a música tivo un papel fundamental tamén a través da exposición CantáMOLA en galego, que estivo durante todo o mes na praza de Ourense.

A situación sanitaria é unha oportunidade para apostar pola cultura propia, programando artistas de proximidade e fomentando os formatos pequenos. Este festival é só unha proba máis do nivel da nosa música.

A programación desta edición do festival segue mantendo o rock como base, pero introduce xéneros como o rap, a mestura de estilos como cumbia e salsa e espectáculos con elementos visuais.

PROGRAMACIÓN

Venres 28
• 19h: Su Garrido Pombo. Escaleiras das Palmeiras
• 20h: TNT Band. Palco da Alameda
• 21h: Moucho. Escaleiras das Palmeiras
• 22h: Monoulious Dop. Palco da Alameda

Sábado 29
• 13h: Arturo Delgado. Escaleiras das Palmeiras
• 14h: Peña. Palco da Alameda
• 19h: Zeltia Irevire. Palco da Alameda
• 20h: Rodrigo Valiente. Escaleiras das Palmeiras
• 21h: O cadelo lunático. Palco da Alameda
• 22h: Lume. Escaleiras das Palmeiras

Domingo 30
• 13h: Pauliña. Palco da Alameda
• 14h: A Rabela. Escaleiras das Palmeiras
• 19:30h: Desjobernaos. Escaleiras das Palmeiras
• 20:30h Los Rastreadores. Palco da Alameda
• 22h: Laura Lamontagne & Pico Amperio. Escaleiras das Palmeiras