Youtubeiras volve con forza na súa quinta edición na procura de novas creadoras de contido

De novo, o Concello de Pontevedra apoiará e promoverá os Premios Youtubeira, un
proxecto organizado e proxectado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre os que se inclúe o pontevedrés; das tres universidades e da Deputación
da Coruña. Queda aberto hoxe o prazo de inscrición para a súa quinta edición, que terá
como principais obxectivos impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que
xurdiu ao redor desta iniciativa.

«Dende a primeira edición destes premios, alá por 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso», sinalou Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras, quen anunciou hoxe en Santiago de Compostela ante os medios os detalles desta quinta edición na compaña de Rubén Prol, concelleiro compostelán de Políticas Lingüísticas, e de Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames. Pereiro púxolle cifras ao grande incremento de participantes nestes anos ao sinalar que «en 2017 concorreron 202 vídeos», namentres que na convocatoria de 2020 “a cifra ascendeu até os 536”. Nesta convocatoria tense a vontade de superar a marca, malia que o prazo de inscrición para participar é menor que o de edicións anteriores, xa que se limitará a tan só dous meses. O prazo rematará así o 22 de outubro.

Pereiro, ademais, engadiu na súa intervención que este ano, «co obxectivo de fomentar a
creación de canles, pero tamén o seu mantemento», non se poderán presentar vídeos
illados como en anos anteriores. Esa é a gran novidade nas bases destes V Premios Youtubeiras que, por segunda edición consecutiva, se dividirán en 12 categorías: canle,
vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación,
creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros
acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove
restantes chegarán aos 500 euros. Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce
categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce
anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos
publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

‘Magnetismo en liña’ e formación

Neste quinto ano, escolleuse como lema a frase Magnetismo en liña, co obxectivo de
remarcar a evolución do proxecto dende a súa posta en marcha. «O que se pretende con
esta idea do magnetismo é incidir na atracción en canto á consolidación da figura de
youtubeira e youtubeiro, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youtubeiro
exerce xa na sociedade», explicou Carme Pereiro antes de centrarse noutro dos piares da
edición deste 2021: a formación.

Os Premios Youtubeiras, que teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube
con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar as/os youtubeiras/os
en galego, ofrecerán novas formacións nos próximos meses, que lle darán continuidade
ao obradoiro impartido por Xoán Escudero ao comezo do verán, centrado na mellora da
calidade sonora dos vídeos. Neste mes de setembro, Adrián Suárez impartirá un curso
sobre posicionamento na creación dixital e por último en outubro, Bárbara Román,
avogada especializada en empresas tecnolóxicas, desenvolverá aspectos legais do
Youtube. Deste xeito, a formación nesta quinta edición pretende ser máis especializada.

O Xurado

Por último, durante a presentación desta mañá anunciouse a constitución do xurado que
decidirá quen gaña en todas as categorías, agás no caso do Premio do Público. O
sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega
Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther
Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, conformarán o
xurado que, a partir da próxima edición, incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor
Youtubeiro/a.