Como cada ano, coa chegada do mes de maio Pontevedra énchese de actividades onde a lingua é a protagonista. O programa Maio, mes da lingua, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, reúne unha ampla oferta cultural e festiva que se estende durante o mes de maio para celebrar as Letras Galegas, que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego.
O programa de actividades ábrese coa gala de entrega de premios e o certame musical do Ben, Veñas Maio, que terá lugar o sábado 13 ás 18 h no auditorio do Pazo da Cultura, con entrada libre. O xa clásico certame interdisciplinar está a celebrar este ano a súa edición número trinta, o que o converte nun sólido referente na promoción da nosa lingua como medio de expresión artística entre o estudantado dos IES e CIFP público do concello de Pontevedra.
O luns 15 ás 18.30 h, no paseo de Antonio Odriozola, terá lugar unha visita guiada á exposición Rosalía coma Ti. A exposición, con textos de María Lado e imaxes de Belén Diz Juncal, actualiza a figura de Rosalía e pon en valor o seu traballo a prol da lingua. María Lado, comisaria da exposición, será a persoa encargada de guiar a visita.
O martes 16 a partir das 21 h actuarán na praza da Pedreira Tres pés para un Suso —proxecto integrado polos cantautores Xosé Costenla, Roberto Sobrado e O Leo— e O Sonoro Maxín. O mércores 17, a partir das 11 h da mañá, continúa a Festa da Lingua na rúa da Serra, con distintas actividades: xogos populares, libros viaxeiros, actuación de Peter Punk… A información detallada sobre a Festa da Lingua pode consultarse en: @apedreira_cs.
Tamén na mañá do 17, a plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convoca a sociedade a manifestarse baixo o lema En galego, aquí e agora para reclamar que «todas as entidades locais fagan visible o seu compromiso coa lingua galega». A manifestación de Pontevedra sairá ás 12 h da praza de Curros Enríquez.
Na tarde do mércores 17, ás 19 h, celebrarase na praza da Ferraría a final do certame Música nas Letras. No acto, conducido por Xurxo Souto, entregaranse os premios e actuarán en directo as tres bandas finalistas: Javier Lago & Raúl Ben, Álex Outeda e BOHR, que interpretarán as composicións orixinais —baseadas en poemas ou mesturas de versos dalgunha das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas— coas que participaron neste certame musical.
Como cada ano, a Asociación Cultural Correlingua convida a mocidade e a infancia do país a correr en prol da lingua, unha actividade lúdico-educativa para reivindicar o dereito a medrar en galego. En Pontevedra, o Correlingua sairá o mércores 24 ás 10.30 da Alameda, baixo o lema común Na casa, na escola, bota a lingua fóra!
Para pechar o programa Maio, Mes da Lingua, celebrarase a recepción ás asociacións do concello o día 31, ás 19 h, no primeiro andar do Teatro Principal.