Volve o Correlingua para celebrar e reivindicar o uso do galego

«Podemos parecerche xente pequena, pero somos o futuro! Somos xente lista! Xente intelixente! E hoxe viñemos aquí a botar a lingua fóra! Porque a lingua que sacamos é a nosa: o galego! Así que neste 2023: na casa, na escola, bota a lingua fóra!»

Así comeza o manifesto do Correlingua 2023, que encherá as rúas de Pontevedra durante a mañá do mércores 24 de maio, nunha xornada lúdico-educativa que, como en anteriores edicións, quere convidar a mocidade e a infancia dos centros de ensino a participaren nun acto público de reivindicación e celebración da lingua propia.

O evento vai xa pola súa vixésimo terceira edición e alcanzou ao longo dos anos unha altísima participación dos centros de ensino e do alumnado nas diferentes localidades en que ten lugar. No caso de Pontevedra, 1400 participantes de 22 centros de ensino —desde educación infantil ata secundaria— sairán ás 10.45 da alameda para percorrer a cidade baixo o lema común Na casa, na escola, bota a lingua fóra!