Volve a festa do Correlingua para reivindicar e festexar a lingua propia

Unha nova edición do Correlingua encherá as rúas de Pontevedra de escolares nunha xornada lúdico-reivindicativa para celebrar a lingua propia. Será o luns 27 de maio baixo o lema «Dende aquí até acolá, galego xa!».

O Correlingua suma máis de vinte mil participantes en todo o país. No caso de Pontevedra, participarán máis de 1200 escolares procedentes de 19 centros da comarca, que farán dous percorridos pola cidade: un adaptado ao alumnado de infantil e o outro ao de primaria e secundaria. Os dous percorridos rematarán na alameda, cun acto que estará presentado pola actriz e humorista Isabel Risco e dinamizado coa actuación musical de A Gramola Gominola, agrupación gañadora da pasada edición do Cantalingua. A festa finalizará cunha solta de globos xigantes biodegradables.

O evento vai xa pola súa vixésimo cuarta edición e é un dos máis relevantes no eido da normalización lingüística. Trátase dunha proposta transversal que se desenvolve en diferentes lugares e que conta coa colaboración da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística ou a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, entre outras entidades.

Ademais da xornada festiva do luns 27, o Correlingua desenvolve distintas actividades durante o curso para reivindicar de maneira lúdica o uso do galego entre a comunidade escolar.