Os Premios Youtubeiras+ anuncian as vinte canles e persoas finalistas que aspiran a gañar algunha das sete categorías nas que se divide a presente edición do certame, que leva por lema Fachenda ao cadrado. Foron en total 89 as canles e perfís (49 de YouTube e 40 de TikTok) que cocorreron este ano aos Premios Youtubeiras+, cuxo obxectivo é fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contido na Rede.
O xurado composto por Andrea Villa (xornalista), Carlos Callón (profesor e escritor) Mónica Valencia (técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense), Sara Varela (guionista) e Iago Gordillo (realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023) recoñeceu como finalistas as seguintes canles en cadansúa categoría:
Canle de Youtube
Exécito Mekemeke (Ames), IagoRAW (Lugo) e O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)
Canle de TikTok
Sara Seco Rial (Santiago de Compostela), pradorua (Ourense) e Konachadas (Ames)
Creación de Contidos
Rodri Míguez (Bueu), María Prado, de pradorua (Ourense) e Anxo Sánchez (Lugo)
Revelación
Arquivo Anab (Xinzo de Limia), Carlota Casal Ramos (Melide) e Galiactiva (Ourense)
Calidade Lingüistica
A Debate no Eirado (Santiago de Compostela), Galego para Peques (Monterroso) e Luís do Río (Santiago de Compostela)
Rede
OU ké! (Ourense), Pablo Rodríguez Vila (Lugo) e Rebelico (Vigo)
Pola súa banda, concorren como finalistas ao Premio do Público A revolución galega de 1846 (de Orgullo Galego, Vigo), Non máis bágoas (de Xurxo Varela, Chantada) e Queimas controladas (de Savia Nova, Pontevedra).
A gala de entrega de premios terá lugar o 1 de febreiro ás 19 h no Pazo da Cultura de Narón. Contará coa presentación de Javi Sánchez (Meiga-i) e a actuación musical de De Ninghures. Antes, a partir das 17 h, haberá un obradoiro con Toxío (inscrición) e ás 18 h terá lugar un aperitivo previo á gala, onde Gabri Fuentes fará un directo para as redes de Youtubeiras+. A asistencia é aberta ao público e de balde, mais cómpre retirar a entrada a través do enderezo electrónico taquilla.pazo@naron.gal, no teléfono 981 102 897 ou no propio Pazo da Cultura de Narón.