Unha nova edición do Galegote encherá de música os bares da cidade

O 27 de abril terá lugar unha nova edición do Galegote na Boa Vila, unha xornada imperdible para os amantes da música en directo que recupera os bares como escenarios principais para gozar da mellor música en galego. A cita, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, ofrecerá 14 actuacións repartidas durante o día nos seguintes establecementos: O Diaño, Tabula Rasa, Nasa, La Hormiga, La Pomada, O Grifón, O’Panderetas, La Verbena, Chirala, The Groove House e Sopa de Gallo.

O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, lembrou que co Galegote «case se pode dicir que dá comezo a tempada de festivais». «O sábado 27 de abril volvemos gozar cun festival que ten como fío conductor a lingua galega», indicou, e destacou a volta aos bares como os espazos co «mellor ambiente para o rock and roll, onde conflúen distintos tipos de público».

O cartel do festival agrupa bandas galegas con traxectoria, voces emerxentes e representación local, e inclúe ademais dous grupos portugueses. Nomes coma Moura, Lacón sen Jrelos, Ataque Escampe, Caldo, Hydn ou Zeltia Irevire, ente outros, conforman o programa desta xornada festiva e musical, que contará tamén con programación infantil, da man de Cora Velasco e Sandra Asín. Todas as actuacións teñen entrada libre e de balde.