Xa son públicos os nomes das canles finalistas da novena edición dos Premios Youtubeiras+. O certame bateu este ano a marca de participación, rexistrando unha concorrencia de 126 canles presentadas, fronte ás 89 da pasada edición. Son un total de 28 canles as que aspiran a gañar algún dos sete galardóns, que serán entregados durante a gala que terá lugar o 7 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol. O evento, que é de entrada libre ata completar a cabida, estará presentado por Leila Fernández (O faiado pódcast) e Carlos Vieito (Exército Mekemeke). As entradas para a cerimonia de entrega pódense retirar xa a través da plataforma ataquilla.com, ou ben o propio 7 de febreiro no despacho de billetes do Teatro Jofre.
Como novidade, a presente edición abriu a participación a todas as redes sociais e plataformas, e conta por primeira vez coa categoría de premio ao Mellor pódcast, que se suma ás xa existentes: Canle, Creación de contidos, Calidade lingüística, Revelación, Rede e o Premio do Público, para o que foron propostos 49 vídeos. Todos os premios contan cunha dotación de 1000 €, agás o de Canle e Creación de contidos, cuxos galardóns ascenden a 1250 €.
O xurado encargado de escoller este ano tanto as persoas finalistas en cada categoría como as gañadoras que coñeceremos o vindeiro 7 de febreiro está formado por: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do premio á Creación de contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
Os Premios Youtubeiras+ son unha inciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e mais da Deputación da Coruña, e teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais.
RELACIÓN DE FINALISTAS POR CATEGORÍAS
(Entre parénteses especifícase o concello de residencia das persoas creadoras)
Mellor canle
- antontisimo (@ant0ntisim0) (Burela)
- carlotaghatos (Melide)
- Rodri Míguez (Redondela e Bueu)
- Rogelio Santos Queiruga (Porto do Son)
Creación de contidos
- Aradeira de Súa (Ribeira)
- Konachadas (Concello de orixe: Viveiro, na actualidade reside en Rois)
- @adochinto (Porto do Son e Santiago de Compostela)
- @miguelblesta (Brión)
Mellor pódcast
- A ferida aberta no 36 (Santiago de Compostela)
- Diversos Pódcast (Ribeira)
- Fóra de Mapa Pódcast (Meis e Vigo)
- Prendidísima (Santiago de Compostela)
Calidade lingüística
- daviidraamos_ (Cariño)
- @diegoauxx (Vigo)
- LongaLingua (Santiago de Compostela)
- @patriiotero (Santiago de Compostela)
Revelación
- @langrans_ (Ourense)
- Mareando o xogo (Malpica de Bergantiños, Costa da Morte)
- @miradenovo (Bueu)
- O búnker debuxos (Ferrol)
Rede
- ChutenMeme (Santiago de Compostela)
- Descifrando a Historia (A Caniza)
- Galiactiva (Ourense)
- Noticias Dispersas (Ourense)
Premio do Público
- «Cada historia, unha vida». 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela (Culleredo)
- «Caldo de repolo», de Pakolas. Música infantil en galego, de Pakolas (Oleiros)
- FICACOABOLA NUNS CUARTOS DE FINAL DE CONFERENCE LEAGUE | O noso blog máis especial con Miki Villar!, de Fica Coa Bola (Pontevedra e Santiago de Compostela)
- Os Bolechas van a servizos sociais, de ChutenMeme (Santiago de Compostela)



