Un pobo con historia de seu, nova proposta do programa Apego para a fin de semana

A historia de Galicia desde a Prehistoria ata o século XIX é o fío condutor dunha serie de actividades familiares lúdico-formativas, ideadas e guiadas por Polo Correo do Vento e Ab Origine no marco do programa Apego. Desenvolveranse ao longo do ano, en fin de semana, en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra, en lugares de doado acceso para as familias e que dean a coñecer o noso patrimonio.

Trátase de actividades de hora e media de duración que constan dunha pequena explicación didáctica sobre unha determinada etapa histórica, un obradoiro creativo no que se confeccionará un obxecto relacionado coa etapa que se traballe, un contacontos e un obradoiro de debuxo guiado, con acompañamento musical de Marcelo Dobode.

As xornadas están pensadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa antropoloxía e a historia da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica, ao tempo que se fomenta o uso da lingua galega no lecer familiar.

As primeiras paradas desta viaxe pola nosa historia terán lugar nas parroquias de Cerponzóns (15 de marzo), Lérez (26 de abril), Marcón (10 de maio), Salcedo (7 de xuño) e Tomeza (21 de xuño). Sempre en horario de mañá, entre as 11.30 h e as 13 h. As actividades continuarán despois do verán.

Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente porque as prazas son limitadas. Para anular ou modificar unha solicitude abonda con escribir a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.

O programa Apego diríxese ás familias con crianzas de 0 a 6 anos (ou á espera dun bebé) que queiran activar ou enriquecer a lingua que falan coas súas fillas e fillos, e que busquen espazos de socialización en galego. Calquera persoa nestas circunstancias que viva no concello de Pontevedra pode formar parte do programa, solicitando unha cita a través do web do Apego ou escribindo a normalizaciónlinguistica@pontevedra.eu.

Preme aquí para descargar o cartel.