Topónimos, microtopónimos e antropónimos

En “Vivindo Marcón” compartín con vós algún dos microtopónimos que puiden recoller no lugar de Valadares, lindeiro con Pumariño (parroquia de Tomeza), como A Casa da Pantoxa ou Os Canleiros… Así, nesta zona tiven a sorte de contar coa axuda de informantes como Ramiro Omil Piay, coñecido coma O Pantoxo, persoa amable e sempre disposta a axudar, moi coñecedora dos nomes e as historias que subxacen nestes, que me explicou o seguinte sobre o alcume da súa familia:

“Penso que foi alá no ano 1800 ou 1750, non coñezo a data exacta porque estraviei o documento (…) Entón naquel tempo, esta casa chamábase a casa de Juan de Martís (…) e resulta que houbo un matrimonio que non tivo familia e dise que porfillou unha moza de Pintos (…) Entón esta moza foi a un fiadoiro aquí en Valadares naquel tempo; era un fiadoiro onde tocaban as pandeiretas os domingos. Entón, como era forasteira, pois dicíanlle que era bonita como unha ‘pantoxiña’, e quedoulle a casa da Pantoxa (…), quedou ese alcume na casa. A min non me parece nada mal, todo o contrario (…). Sobre todo nas aldeas hai alcumes que poden resultar ofensivos para as persoas; a min se non é ese nome, ía ser outro. Xa tiña o nome da casa de Juan de Martís, pero quedoulle ese”.

É evidente que sobre os alcumes e nomes de cada casa habería que facer un estudo pormenorizado, xa que cada un deles nos amosa, por unha banda, ben un pedazo da idiosincrasia e vida das persoas dese fogar (en lugares, coma A Barcia, atopeime coa Casa da Mariñeira, que a súa propietaria me explicou que o nome lle veu dado porque algúns dos seus devanceiros estiveran na mariña; A Casa da Mestra en Pazos, que é unha das moitas antigas escolas que puiden recoller na parroquia; ou A Casa do Lagarto en Vilafranca, nome atribuído a un devanceiro de Manuel García Souto, alcumado do mesmo xeito, o cal me comentou que a orixe do nome residía no feito de que aquel sempre se poñía nunha pedra ao sol cando ía co gando miúdo), ben algún trazo físico destacado (en Pintos, A Casa do Pinta), e por outra banda, as características da vivenda (por exemplo,  A Casa da Máquina na Ría de Arriba, chamada así pola serrería que houbo nalgún tempo no soto do habitáculo, a cal tamén lles dá nome aos muíños lindantes dos que xa vos falei con anterioridade en “Esta noite fun ao muíño…”). 

En relación con este último grupo estaría A Casa do Outeiro de Valadares, da que vos quero falar a continuación. Esta construción, situada nalgún tempo entre as parroquias de Tomeza e Marcón (de aí o dito que había sobre o seu propietario, do que se comentaba que “dormía en Tomeza e comía en Marcón”), conforma unha das máis grandes e fermosas casas labregas que hai nesta freguesía. Durante estas últimas semanas tiven a oportunidade de visitala e de estar cos seus propietarios e familiares para que me contasen algo máis sobre a súa orixe xunto con toda a microtoponimia que a rodea.

Deste xeito, entre documentos e libros de ata o século XVII, os cales puiden ter nas miñas mans, comentábame Eugenia Pazos Martínez (actual propietaria) que naqueles tempos era unha vida moi dura, chea de traballos do campo, mais moi sa e feliz. Na casa chegaron a ter ata 10 xornaleiros que atendían a grande extensión de terreo traballado, un terreo que conta cunha longa e perfectamente deseñada canalización de pedra (con diversos sifóns) coñecida coma Os Canleiros, pola que discorría a auga do Pozo da Sobreira, utilizada para os quefaceres diarios, o gando e a agricultura. Xa para o uso doméstico, recollíase en baldes a auga da Fonte de Muíños, próxima á casa. 

De igual xeito, conforman o circundado A Pomarada (microtopónimo do que xa falamos noutras entradas) ou O Laranxal (fálasenos da existencia de numerosas árbores froiteiras deste tipo), A Bodega Grande (un pequeno museo etnográfico onde se pode observar todos os apeiros de labranza utilizados nalgún tempo e que os seus propietarios manteñen con moito agarimo, entre os que hai que destacar o lagar, peza da que falarei a continuación), A Bodega Pequena, Os Pozos de Lavar (a auga canalizada dos Canleiros cae no pequeno, a través do cal pasa a outro de maior tamaño que conta con tres pedras onde se lavaba) e A Eira con dous hórreos. 

Sobre a orixe do nome da casa, do latín ALTARIUM (elevación do terreo), foron varios os informantes que nos falaron dun gran outeiro/pedra sobre o que se dispoñía a vivenda e que foi eliminado coas obras da pista lindeira; mais, se temos en conta que na familia atopamos o apelido Otero (por exemplo, José González Otero, descendente desta casa), podemos pensar na castelanización producida no século XIX  deste apelido toponímico. Ademais, no Marqués de Ensenada recóllese unha propietaria de Valadares chamada Josefa de Outeiro. (En relación con isto, anímovos a que visitedes a páxina http://ilg.usc.es/cag/, en que podedes consultar a frecuencia e distribución dos apelidos de Galicia).

Desta mesma raíz etimolóxica provén tamén o nome Os Altares de Muíños, leiras próximas situadas nun lugar elevado e que contan cunhas pequenas escaleiras.

Por outra banda, volvendo falar do termo ‘lagar’ ao que me referín anteriormente, vouvos contar que hai unhas semanas no lugar da Pedra do Lagarto recollín unhas fincas coñecidas como Os Lagares; a súa propietaria, Josefa González Agulla, comentoume que hai uns anos atoparon enterrado na zona o contrapeso dun antigo lagar que manteñen na actualidade e agora comparto con vós.

Contrapeso dun lagar atopado na finca dos Lagares. A Pedra do Lagarto

 

O profesor Gonzalo Navaza no seu libro Toponimia de Catoira fálanos de que “en orixe ‘lagar’ remonta ao latín LACALE e é propiamente un derivado de lago (<LACU), de xeito que algúns topónimos que conteñen esta forma poderían facer referencia non a lagares senón a áreas anegadas ou de moita humidade”.

Déixovos o enlace do Dicionario de dicionarios para que vexades as diferentes entradas que hai sobre o termo: http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=lagar&tipo_busca=lema