Rosalía coma ti

O 15 de maio, o Concello de Pontevedra, a través da súa Área de Normalización Lingüística, presentou publicamente a exposición Rosalía coma ti no paseo de Antonio Odriozola.

Con textos de María Lado e ilustracións de Belén Diz, Rosalía coma ti reivindica e actualiza a figura da nosa poeta nacional. A través dos 15 paneis que compoñen a exposición, emerxe unha Rosalía valente, innovadora e feminista, que traballou con determinación a prol da normalización da nosa lingua.

A exposición inclúe unha banda sonora composta por catorce temas musicais que teñen como base poemas rosalianos —de bandas e artistas de diferentes tempos e estilos: de Amancio Prada a De Vacas, de Luz Casal a Flow do Toxo—  e aos que se pode acceder a través de códigos QR situados nos paneis.

Rosalía de Castro foi a primeira homenaxeada da historia no Día das Letras Galegas, que se celebrou por primeira vez en 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares gallegos. Esta celebración, consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua, foi precisamente impulsada, xunto con outros dous académicos, polo homenaxeado deste ano 2023: Francisco Fernández del Riego.

A do paseo de Antonio Odriozola é a primeira parada desta exposición que quere celebrar as nosas Letras e os 160 anos da publicación de Cantares gallegos, mais o seu percorrido continuará, xa en formato transportable, polos centros de ensino e institucións que a soliciten.