A sexta edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para apoiar a difusión da improvisación oral en verso, xa ten regueifas gañadoras nas dúas categorías: xeral e escolar.
O xurado, composto por Socorro García Conde, Carme Pereiro, Manolo Maseda e Séchu Sende, tivo que valorar un total de 43 regueifas: 35 inscritas na categoría escolar e 8 na xeral. Repartíronse 6 premios en cada categoría: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada. Todos os vídeos están dispoñibles na canle de Youtube do certame e tamén no web.
A entrega de premios terá lugar o 14 de abril na Gala Enreguéifate-Regueifesta, un acto que se celebrará no Auditorio de Galicia (Compostela) e que suporá un final de festa conxunto dos dous proxectos educativos. Conducida por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Olalla Liñares, a gala reunirá un milleiro de persoas, entre escolares e alumnado improvisador de diferentes lugares de Galicia, Euskadi e Cataluña. Será unha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso onde non faltará a música en directo.