Xa son públicos os galardóns da sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para apoiar a difusión da improvisación oral en verso. O xurado desta edición, composto por Carme Pereiro, Fátima Souto, Manolo Maseda e Séchu Sende, valorou un total de 56 regueifas divididas en dúas categorías (47 delas inscritas na categoría escolar e 9 na xeral) e repartiu un total de seis premios en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.
A entrega dos premios terá lugar o 3 de abril ás 11 h nunha gala que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O evento estará conducido por Manolo Maseda e Séchu Sende, e polas persoas formadoras do certame Enreguéifate: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Será un percorrido polas formas de improvisación oral galegas no que non faltará a música en directo.
Todos os vídeos son públicos e están dispoñibles na canle de Youtube do certame e tamén no web. Esta é a relación dos vídeos gañadores:
CATEGORÍA XERAL
A máis brava
ARRIEIRO E CHAMINHO, con Cumbia do choque
A máis aguda
ESCOLA DE REGUEIFA DE CARBALLO, con Vai de voda
A máis diversa
TEISEIROS REGUEIFEIROS, con Regueifa pola saúde mental
A máis reivindicativa
IVÁN E AROA, con Regueifa de coidar a terriña
A mellor cantada
GRUPO XUVENIL DA TERCEIRA IDADE DE POIO, con Sempre vida
A mellor falada
AS DA MUIÑEIRA, con Os deberes
CATEGORÍA ESCOLAR
A máis brava
OS MÁIS BRAVOS, con Queremos moito ás nosas profes
Alumnado do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco)
A máis aguda
REGUEIFEIRXS DA CHÁ, con Regueifando apréndese mellor
Alumnado do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba)
A máis diversa
2º B QUIROGA PALACIOS, con O noso Entroido
Alumnado do CEIP Pluringüe Cardeal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela)
A máis reivindicativa
6.º E.P. CEIPP SANTA M.ª DO CASTRO, con O granulado non é pasado
Alumnado do CEIPP Santa María do Castro, Cabo de Cruz (Boiro)
A mellor cantada
REGUEIFEIRAS DO CAMBALLÓN, con A nosa música na nosa voz
Alumnado do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces)
A mellor falada
REGUEIFEIROS DE RAZO, con Regueifa en Razo
Alumnado do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo)
O xurado acordou ademais conceder un accésit á Regueifa máis inclusiva a NOA E MARTÍN, do IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), polo vídeo Todo isto son mentiras.