Regresa o Ben Veñas, Maio nunha nova edición cun ollo posto nas redes

Rematado marzo e ás portas de abril, a presentación do Ben Veñas, Maio é case unha tradición na cidade de Pontevedra, logo de case 30 anos de historia. Vinte e nove anos cumpre nesta edición o certame multidisciplinar coordinado polo equipo de normalización e dinamización da lingua galega dos IES e CIFP de Pontevedra, en colaboración co Concello de Pontevedra.

A clásica cita retorna un ano máis, mais faino con certo aire de renovación. A maiores das modalidades habituais, aparece este ano o I Certame de vídeos de Tik Tok e Reels de Instagram, un novo formato que garda relación co auxe das redes sociais, a creación propia e a autonomía dixital. Os participantes nesta nova modalidade deberán crear pezas orixinais e en lingua galega, de temática libre; co obxectivo de tentar crear o mellor contido posíbel e, con algo de sorte e traballo, lograr un dos dous premios nesta categoría.

Coma sempre, tamén estará presente o Certame Musical Ben Veñas Maio, amais dos certames de Curtametraxes, de Fotografía, de Banda Deseñada, de Narración Curta e de Poesía. As bases de cada unha das modalidades poden ser consultadas aquí.

«Chega a primavera e coa primavera chega o Ben Veñas Maio. Un conxunto de certames que nin a pandemia logrou paralizar, e que desta volta regresa con aínda máis forza se cabe», explica o concelleiro de Normalización, Alberto Oubiña. «Son xa 29 edicións que atopan o seu comezo como unha iniciativa dos propios centros pero que desde o ano 2000 o Concello tamén colabora de xeito activo na súa organización, botando unha man en todo o posíbel e sumando novas modalidades e certames».

«Ademais do novo certame de Tik Tok e Reels, cómpre prensar no Ben Veñas Maio como unha entidade maleábel, na que probar cousas, ver como funcionan, e no caso positivo, seguir apostando por elas. É unha cita que o permite», comenta o edil. «Contaremos, ademais, con apoios externos para a realización de obradoiros nos centros, coma Nós Televisión, para que lle boten unha man á rapazada cos vídeos; tamén contaremos con Paula Andrés para a fotografía e con Kiko Dasilva, un luxo, xunto con Zaida Novoa, mestres ambos os dous no Garaxe Hermético, a escola pontevedresa de banda deseñada. Queremos que a xente participe, que a rapazada teña unha base coa que poder facer as súas propostas e da maior calidade posíbel».

Outra das novidades deste ano é a recuperación presencial do certame musical, logo de non ser posíbel a súa celebración por mor da pandemia e as medidas sanitarias aplicadas. Nese sentido, o Local de Música fará tamén de base de operacións e de promotora para animar a rapazada a tocar e preparar o concurso. Seguindo coas recuperacións, tamén se retomará a gala de premios, que será o sábado 7 de maio no Pazo da Cultura, coincidindo coa final do certame musical e serán lidas e olladas algunhas das propostas deste 2022. «Queremos que sexa unha gala na que volver atoparnos, a escasos dez días do 17 de maio, Día das Letras Galegas; sempre coa disposición de fomentar o uso da lingua e de poñela en valor; para nós como Concello e fundamental poder colaborar nesta cita e ter un ano máis Ben Veñas Maio».

Aida Pazos Quintillán, coordinadora este 2022 do certame, indicou que «O Ben Veñas Maio contacta cos adolescentes dos centros públicos da cidade, tendo como prioridade a lingua galega, alén de calquera competición. O alumnado desenvolve as súas habilidades artísticas e creativas, pero sempre a través do galego».

«Debo dicir que é un evento agardado, que conta sempre cunha participación moi grande e que agora recuperaremos a gala e o concurso musical. Sempre é unha gala de xuventude, pero que queda aberta a todo o mundo», explicou a profesora.