A sétima edición do certame de regueifas en liña Enreguéifate vén de pechar o seu prazo de inscrición cunha participación de récord. Foron un total de 56 os vídeos recibidos, 47 deles na categoría escolar e 9 na xeral, o que vén constatar o lema desta edición: Temos madeira regueifeira!
As regueifas que optan aos premios deste ano chegan desde distintos lugares das catro provincias galegas: Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro, entre outros municipios.
O concello de Pontevedra está representado este ano por cinco centros de ensino: o CEIP Vilaverde de Mourente participa con Guerras e pellets, Regueifa revirada, Reivindicacións e Regueifa dos propósitos; o CEIP de Lérez, con Ruxido, Rincho, Chío e Ouleo; A xuncoregueifa é a proposta do CEIP A Xunqueira I; o IES Luís Seoane presentou o vídeo De Monte Porreiro a Santiago; e o IES A Xunqueira II titulou a súa regueifa Estóupame a cabeza. Todas elas poden verse na canle de Youtube e no web do certame.
A fase de votación está en marcha. O xurado desta edición está composto por Carmen Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro. Como en anos anteriores, repartirán seis regueipremios para cada unha das dúas categorías (xeral e escolar): regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.
Os vídeos galardoados coñeceranse a partir do 11 de marzo a través das redes sociais do Enreguéifate e o mércores 3 de abril terá lugar a gala de entrega de premios no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Enreguéifate é un proxecto impulsado polos Servizos e Departamentos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Con esa finalidade, en paralelo ao certame de regueifas en vídeo, desde o mes de outubro de 2023 e ata o pasado mes de febreiro, desenvolvéronse un cento de obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO de preto de corenta centros educativos dos concellos impulsores.