Programación de Maio, Mes da Lingua 2026

A aposta do Concello de Pontevedra polo galego intensifícase durante o mes de maio cun programa de actividades para promover o seu uso. A veciñanza de Pontevedra poderá gozar durante as vindeiras semanas de ata 20 actividades de distinta natureza onde a lingua é a protagonista.

As familias con crianzas poderán asistir a diversas actividades durante este mes. Algunhas delas están enmarcadas no programa Apego e precisan inscrición previa a través dun destes dous formularios: Apego na primavera e Seres máxicos da nosa mitoloxía. Ademais, a ANPA Bolboreta organiza no parque de Cabanas (Salcedo) o Bolboretroula: unha xornada festiva para a cativada con Cé Orquestra Pantasma, Celso Fernández Sanmartín, Migallas Teatro, Cantos de taberna miúda, obradoiro de baile tradicional e homenaxe a Begoña Caamaño, entre moitas outras actividades, que será o día 16 de maio desde as 10.30 h.

Tamén está orientada á cativada a actividade escolar Aquí canta a rapazada, unha iniciativa que parte dos equipos de dinamización da lingua galega do CEIP A Xunqueira 1 e o CEP Campolongo, e que está dirixida ao profesorado e alumnado de 5º e 6º de primaria co obxectivo de organizar cantos colectivos nas prazas de Pontevedra.

Non faltará a oferta musical e a festa nas actividades organizadas pola asociación cultural A Pedreira no marco da Festa da Lingua. Algunhas das actividades están orientadas especificamente ao público infantil: é o caso dos xogos tradicionais con Sororas e concerto de punk infantil con Brais das Hortas e Peter Punk, na mañá do 16 de maio. Mais durante o día tamén haberá actuación de Polavila, ruada con Foula, foliada, libros viaxeiros e manifestación.

O Conservatorio Manuel Quiroga organiza o Concerto das Letras Galegas a 3 Bandas o 14 de maio na praza da Ferraría. E o grupo de teatro amador do SNL, Teatro con Lingua, interpretará a súa obra Vertixe o domingo 24 na Casa Verde de Salcedo.

Outros eventos que terán lugar durante o mes son o Correlingua, a entrega dos Premios Mil Primaveras, a entrega de premios do certame de relato curto da FANPA, a gala Ben Veñas, Maio ou a recepción ás asociacións que colaboran na programación.

A programación completa pódese descargar en PDF nesta ligazón e consultar a táboa de actividades.