A aposta do Concello de Pontevedra polo galego é unha constante os 365 días do ano, mais nestas semanas cristaliza nun programa intensísimo para promover o seu uso, que inclúe desde concertos e charlas ata camiñadas e actividades para crianzas. Durante o mes de maio, a veciñanza da Boa Vila poderá gozar de até 25 actividades distintas onde a lingua é a protagonista.
As familias con crianzas poderán asistir a distintas actividades durante o mes de maio. Algunhas delas están enmarcadas no programa Apego e para asistir é necesario inscrición previa. Outras forman parte das actividades de celebración do Ano Castelao, que terá un peso evidente durante o ano: é o caso do contacontos ilustrado e musicado Panchito, que corre da man de Polo Correo do Vento e Marcelo Dobode, e que se desenvolverá no centro social de Cons (Mourente), ou das Pegadas de Castelao que organiza Migallas para público familiar maior de 6 anos no centro cultural de Monte Porreiro. Pola súa banda, a asociación cultural A Pedreira terá en conta tamén o público infantil na celebración da Festa da Lingua, que inclúe a actuación de Peter Punk e xogos tradicionais con Miudiño.
O Ateneo de Pontevedra organiza baixo o título Galego, unha lingua de éxito, unha serie de relatorios cos que quere derrubar certos prexuízos arredor da lingua propia e, sobre todo, dar a coñecer exemplos de persoas que triunfan profesionalmente usando o galego. Trátase de tres relatorios, cada un deles centrado nun eido profesional: ciencia e industria, cinema e banda deseñada, e industrias musicais. Entre as persoas participantes atópanse Mondra, Uxía ou a cineasta Jaione Camborda. Terán lugar os martes 13, 20 e 27 de maio, ás 19 h na Casa das Campás. As asociacións culturais Maio Longo e Vía Galega organizan tamén un ciclo de conferencias. Neste caso, trátase dunha serie de encontros con autores e autoras para afondar na figura de Castelao. Terán lugar no Café Moderno os días 14, 21 e 28 de maio e contarán coa participación Xoán Carlos Garrido Couceiro, María Pilar García Negro e Manuel Rei Romeu. O ciclo péchase o primeiro mércores de xuño coa presentación da camiñada Castelao do Concello de Pontevedra e o percorrido desta a seguir, que inclúe unha visita guiada á Sala Castelao do Museo de Pontevedra.
A programación inclúe outras camiñadas centradas en Castelao: a asociación cultural Cedofeita propón unha andaina tralo rastro dos cruceiros de Lérez debuxados por Castelao (1 de xuño) e a asociación Salcedo Norte organizará unha andaina teatralizada por Salcedo (8 de xuño).
Non faltará a oferta musical e a festa. No marco da Festa da Lingua que organiza a asociación cultural A Pedreira actuarán a Regueifa Tour, Cuarta Xusta e Teta`s Van. Será o venres 16 ás 22 h na praza da Pedreira. Mais haberá ruadas e música durante as mañás do venres e do sábado. Pola súa banda, o Conservatorio Manuel Quiroga organiza un Concerto das Letras o 16 de maio na praza da Ferraría.
Outros eventos que terán lugar durante o mes son o Correlingua, a entrega dos Premios Mil Primaveras, a entrega de premios do certame de relato curto da FANPA ou a recepción ás asociacións que colaboran na programación.
A programación completa pódese descargar en PDF nesta ligazón e manterase actualizada na seguinte táboa.