Programación de Maio, mes da lingua 2024

Bota a andar o programa Maio, mes da lingua, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, cunha ampla e diversa oferta cultural e festiva para celebrar as Letras Galegas, que este ano homenaxean a Luísa Villalta.

Abre a programación a mesa redonda Xeración Alfa: a revista da mocidade galega, que terá lugar o martes 7 ás 19.30 h no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, con entrada libre ata completar a cabida. Xeración Alfa nace por iniciativa de Sermos Galiza e en colaboración co Concello de Pontevedra. É a primeira revista cultural impresa en galego para público mozo e sairá os martes do mes de maio, sen custe. Na mesa redonda estarán presentes María Obelleiro (directora), Ana Loureiro e Rafael Ruíz (coordinación), e Sara Faro (Fillas de Cassandra).

A oferta musical é ampla. O venres 10 de maio, ás 19.30 h na praza da Ferraría, terá lugar o Concerto da Semana das Letras do Conservatorio Manuel Quiroga. O sábado 11, ás 18 h, celebrarase o certame musical do Ben Veñas, Maio e o xurado fallará os premios de todas as modalidades, nun acto no Teatro Principal con entrada libre ata completar a cabida, que conta coa colaboración dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos IES e CIFP públicos de Pontevedra. O sábado 16 de maio ás 12.30 h o grupo Sun-Iou actuará no CEIP de Campolongo. Xa o 17, e en colaboración coa asociación cultural A Pedreira, celebrarase a Festa da Lingua, cunha ruada de gaitas que sae ás 20.30 h desde a praza da Peregrina e concertos de Os Vacalouras e Catuxa Salom ás 21 h na praza da Pedreira. A Festa da Lingua continúa o 18 pola mañá, ás 11 na rúa Serra, con Peter Punk e banda de gaitas, e tamén libros viaxeiros e xogos populares.

As crianzas entre 8 e 12 anos poderán gozar de dúas actividades culturais deseñadas pola cooperativa cultural Aventeira. Ningunha delas precisa inscrición previa, aínda que é posible asegurar unha praza escribindo a alingualatexa@gmail.com. Traficantes de verbas é un xogo de movemento por equipos coas letras e palabras como protagonistas, que terá lugar o 25 de maio ás 12 h na Illa do Covo. Os monstros tamén teñen sentimentos é unha actividade de narración oral participativa protagonizada por seres mitolóxicos da nosa cultura que se vai desenvolver na Casa Azul o 1 de xuño ás 12 h.

O sábado 25 de maio ás 20 h, Migallas Teatro presenta o seu espectáculo teatral Falemos como galegas no centro cultural de Monte Porreiro, con entrada libre ata completar a cabida e dirixido á mocidade e a público adulto. Tamén a cargo de Migallas está a actividade do venres 30 de maio, Que viva o galego!, ás 18 h na alameda, para crianzas de 4 a 6 anos. Esta actividade enmárcase na programación do Apego na primavera, polo que require inscrición previa a través dun formulario.

O domingo 26 celébrase a final de Bótalle un conto, o certame de narración oral non profesional de Pontevedra, que terá lugar ás 19 h no Teatro Principal, con entrada de balde ata completar a cabida. O luns 27 de maio é a vez do Correlingua, que encherá as rúas de Pontevedra baixo o lema Desde aquí até acolá. Galego xa!, nunha xornada lúdico-educativa na que participa a mocidade e a infancia dos centros de ensino nun acto público de reivindicación e celebración da nosa lingua, organizado en colaboración coa asociación cultural Correlingua e CIG-Ensino. A saída está prevista ás 10.30 h desde a alameda. O sábado 31 de maio ás 20 h, no primeiro andar do Teatro Principal, farase a recepción ás asociacións do concello. E o sábado 8 de xuño ás 19.30 h entregaranse os Premios Mil Primaveras no Pazo da Cultura, nun acto aberto a todos os públicos no que actuarán Vero Rilo e Sonsoles Penadique.

A programación completa pódese descargar en PDF nesta ligazón e manterase actualizada na seguinte táboa.