Primavera con Apego en Pontevedra!

Pontevedra dálle a benvida á primavera cunha ampla e variada oferta de actividades dirixidas ás familias do Apego. A programación, que se estenderá desde abril ata xuño, está especialmente deseñada para que as familias con crianzas entre 0 e 6 anos dispoñan de recursos e espazos para medrar, aprender, socializar e compartir tempo de lecer en galego.

As familias con bebés de 0 a 3 anos poderán gozar de distintas sesións de arrolos, cancións e contos recuperados da tradición oral para enriquecer a crianza en galego con recursos lúdicos e contribuír a crear espazos de calma.

Haberá tempo tamén para imaxinar e representar as nosas propias historias no obradoiro de monicreques de dedos que impartirá Babaluva.

Guiadas pola Fundación Legar, desenvolveranse diversas sesións relacionadas coa difusión e conservación da música de raíz: o obradoiro O gaiteiro verde, para a creación e experimentación con instrumentos ancestrais feitos con materias primas, ou A cultura musical do noso mar, que propón un percorrido didáctico e participativo a través da historia da nosa música de raíz.

Coa chegada do bo tempo, contaremos tamén con actividades en exterior: no obradoiro de cianotipia que impartirá Alouette Machine aprenderemos a nomear e fotografar sen cámara, co poder das raiolas de primavera, as plantas da nosa contorna; da man de Luís Prego e Samuel Soto, experimentaremos os primeiros pasos de danzas sinxelas e aprenderemos xogos cantados e bailados.

Ademais, segue a desenvolverse o ciclo Un país de festas e ritos, co que estamos a percorrer as distintas parroquias pontevedresas para aprender sobre os ritos e crenzas que rodean as nosas festas.

Temos ben onde escoller entre unha chea de actividades para todos os gustos, idades e inclinacións artísticas! Sempre con moito apego pola lingua!

Todas as actividades son de balde, mais requiren inscrición previa xa que as prazas son limitadas. Se vives no concello de Pontevedra, tes crianzas de 0 a 6 anos (ou vas ter) e aínda non formas parte do programa Apego, pide cita para sumarte.

Preme aquí para descargar o cartel.