Pontevedra celebra o Día de Rosalía cunha lectura pública conducida pola poeta Míriam Ferradáns

O Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará o Día de Rosalía cunha lectura pública de Cantares gallegos e Follas novas, poemarios que deron pé á restitución social da nosa lingua.

O acto terá lugar o venres 23 de febreiro, coincidindo coa data do nacemento da escritora, ás 20 h no centro social do Gorgullón. Trátase dun acto aberto a toda a cidadanía. As persoas que queiran participar na lectura poden poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra a través do enderezo electrónico alingualatexa@gmail.com antes do martes 20 de febreiro ás 12 h, indicando nome e apelidos, colectivo ou centro de ensino ao que pertence (de ser o caso), teléfono de contacto e o texto escollido para ler.

A poeta Míriam Ferradáns será a encargada de conducir o acto e de ler o manifesto creado desde a AELG e redactado por Carlos Callón para as homenaxes deste ano. Ademais, o espazo estará ambientado para a ocasión polo colectivo artístico O fruto e a serpe, que recreará o escritorio da nosa poeta.

Con esta xornada, o Concello de Pontevedra procura homenaxear de maneira colectiva unha figura clave para a lingua e a literatura galega. Símbolo do país, Rosalía continúa a ser un icona pop dentro do século XXI, a artista máis internacional e referenciada dentro da cultura galega, o que permite albiscar a importancia da súa figura e a necesidade de continuar a reivindicala.

Cartel de Belén Diz Juncal