Pontevedra celebra a Rosalía cunha lectura pública de poemas o día 22 de febreiro en sesión vermú

O sábado 22 de febreiro ás 12.30 h realizarase unha lectura pública de textos de Cantares gallegos e Follas novas no bar Verbena (rúa de Paio Gómez Chariño, 29) para celebrar o Día de Rosalía. O acto, promovido polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), contará coa colaboración do colectivo artístico O Fruto e a Serpe, encargado da ambientación, e coa presenza da poeta Lucía Novas, quen lerá o manifesto da AELG. Toda a cidadanía está convidada a participar no micro aberto.

Na presentación do acto, o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, salientaba que «terá lugar o vindeiro sábado 22 ás 12.30 no Bar Verbena. Aínda que o Día de Rosalía é o 23, este ano ímolo celebrar o 22 pola mañá por un motivo moi importante: o Concello fai parte da plataforma cidadá Queremos Galego! e o día 23 hai convocada unha manifestación en Santiago de Compostela a prol da lingua galega. Estamos nunha situación de emerxencia lingüística e non queremos que ninguén teña escusa para non asistir. Celebramos a Rosalía o día 22 e convocamos a toda a cidadanía pontevedresa que sinta a lingua, que queira que a lingua galega se revitalice, a asistir a esa manifestación».

Demetrio Gómez estivo acompañado na presentación por Lucía Novas, da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), Cynthia Menéndez e Elvira Jardón, do colectivo O Fruto e a Serpe, e Sara García Polo, do bar Verbena.

A poeta Lucía Novas avanzou na súa intervención que ela será a encargada de ler o manifesto que se elabora cada ano para o Día de Rosalía: «Este ano escribiuno a escritora Marta Doval e está artellado entre a idea de reivindicación da lingua, da terra e tamén hai unha mención a Palestina».

Pola súa banda, Cynthia Menéndez e Elvira Jardón (O Fruto e a Serpe) serán as encargadas da ambientación do acto, como xa fixeron o ano pasado. «O noso proxecto naceu cun evento de poesía musicada sobre Carvalho Calero e continuou con actividades relacionadas coa poesía, como o “Rebumbio Poético”, que celebramos mensualmente, tamén no Bar Verbena, e onde homenaxeamos unha poeta morta para darlle o seu lugar xusto na literatura, porque moitas veces estiveron infravaloradas, malinterpretadas, etc. Facemos unha homenaxe con labor de divulgación, contamos a súa vida, falamos da súa obra, facemos un micro aberto. Para cada evento facemos unha ambientación que é como unha viaxe no tempo, recreando a época en que viviu a poeta. O Concello coñeceu o noso traballo por redes sociais e o ano pasado chamounos por primeira vez para facer o Día de Rosalía. A ambientación daquela estivo máis centrada en facer un salón do século XIX e este ano imos facer algo máis simbólico a través de unión de Rosalía coa natureza. Escollemos a Verbena tamén para este evento para achegar a poesía á rúa, nun bar, cun contexto máis informal porque a poesía non sempre é unha cousa que está moi lonxe e por enriba de nós», comenta Elvira.


Desde a Verbena, Sara afirma que «cando abrimos o bar, non hai moitos meses, tiñamos claro que queriamos que fose algo máis que un local de copas. Trasládaslle á xente a cultura sen que sexa sempre nun contexto moi formal. A resposta ás actividades está sendo estupenda, tivemos que desdobrar o grupo do club de lectura, o Rebumbio Poético cada vez atrae máis xente, facemos tamén exposicións de fotografía, lectura de poesía, relatos, etc. Estamos moi contentas con que nos
tivesen en conta para esta celebración».


O cartel destinado á difusión do evento é un deseño de Belén Diz Juncal. Pode descargarse aquí.