Pontevedra acollerá o acto de entrega dos VI Premios Mil Primaveras o sábado 7 de xuño

O sábado 7 de xuño, ás 11.30 h, terá lugar o acto de entrega da sexta edición dos Premios Mil Primaveras no Pazo da Cultura de Pontevedra. Trátase dun evento público, de acceso libre ata completar a cabida da sala, no que se recoñecerán catro proxectos que poñen en valor e fomentan o prestixio da nosa lingua, e que contará coa actuación da actriz, creadora escénica e narradora oral Atenea García.

Os Premios Mil Primaveras foron creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como principal obxectivo o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio.

Os proxectos escollidos polo xurado na presente edición son os seguintes:

Brazolinda. Un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego que fixo dez anos en 2024. Unha iniciativa empresarial coa lingua galega como cerna, que naceu co obxectivo de ofrecer, tanto ao profesorado como ás familias, material didáctico en galego que axude a normalizar o uso da lingua no tempo de ocio e de aprendizaxe. Destaca pola calidade dos seus produtos, por estar dirixido a un amplo abano de idades e por asociar o noso idioma ao xogo como ferramenta para o lecer, a aprendizaxe e a socialización. O xurado tamén salientou o emprego da lingua de forma transversal con contidos de matemáticas, ciencia, natureza, historia ou tradicións. Así mesmo, a través de obradoiros transmiten os obxectivos normalizadores a dinamizadores educativos e familias.

Galego para Peques. Un proxecto audiovisual nacido en 2023 para estender o uso do galego na infancia proporcionando recursos para educadores e familias. Pon o foco no período de adquisición da lingua e na necesidade de materiais para xogar e aprender en galego e co galego. O xurado destacou a calidade e a estética dos vídeos, cunha imaxe idónea para a franxa de idade destinataria. Tamén valorou a súa fácil difusión e a posibilidade de empregalos en diferentes contextos. O xurado recoñeceu así mesmo a xenerosidade dunha iniciativa que comparte recursos diversos (contos, cancións, fichas para pintar e tamén de iniciación á lectura e á escritura) para que calquera persoa poida usalos, e salientou as potencialidades de interacción con outros programas de socialización en galego da infancia.

Modo galego, actívao! Un proxecto de investigación-acción desenvolvido de xeito colaborativo pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Botou a andar en 2021 e busca dinamizar a lingua galega traballando asemade diferentes ámbitos: a educación, o lecer e as familias. É un programa exportable a outros lugares que combina a intervención e a avaliación, o que permite que poida evolucionar de acordo cos resultados obtidos. Destaca pola colaboración entre institucións e pola implicación de diferentes axentes (docentes, alumnado, monitorado e familias) nun proxecto integral para todo o concello. O xurado tamén salientou aspectos como a súa planificación coidada e rigorosa, que promove a reflexión sociolingüística interxeracional e que incide en diferentes ámbitos de vida das crianzas co fin de facilitar a socialización en galego.

Vitamina G. Un proxecto desenvolvido no CEIP Sagrada Familia da Coruña que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de alumnado de orixe migrante. Consegue unha grande implicación do alumnado, que crea os contidos mentres aprende, investiga e traballa a oralidade. O xurado tamén salientou a creatividade e a positividade na mensaxe (a lingua como un suplemento vitamínico), que é un proxecto replicable e que se trata dunha intervención para un contexto cada vez máis xeneralizado: diversidade lingüística e cultural onde o galego suma. Tamén valorou a proxección do proxecto fóra do ámbito académico e o impacto nas familias.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. A difusión dos proxectos faise tamén a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde poden consultarse en detalle, xunto cos premiados en anteriores edicións. Para o acto de entrega, a CTNL conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.