As mellores voces do rap improvisado en galego daranse cita o sábado 12 de outubro entre as 17 h e as 23 h na praza da Pedreira, que se converterá no escenario da final da cuarta edición da Liga CeibaRimas. Esta competición anual de freestyle en galego, que foi merecedora dun dos Premios Mil Primaveras 2023, é xa un referente no ámbito da música e da cultura urbana galega e ten entre os seus obxectivos o de normalizar e dinamizar o galego entre a mocidade a través dos espazos de improvisación oral.
A participación no evento é de balde e está aberta a todas as persoas maiores de 12 anos que queiran improvisar e teñan dispoñibilidade para facelo, sen necesidade de experiencia previa. No caso das persoas menores de idade, terán que achegar a autorización correspondente. A inscrición farase a través dun formulario que estará activo ata 24 h antes do comezo do evento. Aínda así, existe a posibilidade de inscrición in situ, antes do comezo das competicións.
O certame desenvolverase en diferentes fases ao longo da tarde. Comezará cunha primeira parte clasificatoria, na que participarán todas as persoas apuntadas e da que sairán aquelas que vaian competir posteriormente nas batallas individuais. Nos entretempos contará coas actuacións de Flow do Toxo e Kid Mount, así como coa actuación de distintos talentos emerxentes neste eido artístico, como é o caso de Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola, que demostrarán as súas habilidades sobre o escenario. O evento estará conducido por Lil Moma e amenizado pola DJ Nu.Eva. Contará cun xurado de excepción, composto por recoñecidas figuras do mundo da música e a improvisación oral, como son Alba María, High Paw, MØU, C Mirazo e ST. A organización repartirá premios de ata 800 euros en metálico e máis de 600 en agasallos de marcas galegas. No seu web pódense consultar as bases completas.
O CeibaRimas reafírmase como a única competición de freestyle en galego, e convértese nun evento imprescindible para todas as persoas que queiran vivir unha experiencia única de cultura urbana galega. Non faltará música, talento e moita improvisación.
