Percorrer, (re)coñecer, (re)descubrir.

Este domingo pasado algo choveu, non vou negalo. Tamén teño que recoñecer que tomar un almorzo tardío os domingos é un pracer. Aínda así, os que non fostes ao roteiro o domingo que saibades que perdestes outro, e non pequeno.

Carlos Morgade e Xosé Álvarez faláronnos de todo un pouco. Ambos son, entre outras cousas, historiadores; orixinario o primiero de Casas Novas e o segundo de Cons. Espero non meter a zoca, en todo caso o erro sería meu e da miña memoria.

Xuntámonos corenta no adro de Santa María. Así que Carlos comezou a falar sobre a construción do cruceiro que alí hai e da actual igrexa parroquial tivemos que abrir os paraugas, pero ninguén falou de suspender o paseo. Que son catro pingueiras e uns refachiños para nós? Cóxegas. Comentounos que a igrexa primitiva estaba situada en Mourente-Mourente pero o emprazamento exacto non o sabemos.

Baixamos polo camiño da Cañeta deixando á man dereita as terras dos Olmedos e unha vez abaixo en vez de continuar cara ao Covelo collemos polo camiño Fondo en dirección ao parcialmente empedrado camiño do Pozo, … non, non vos vou contar o percorrido. É para pasealo, non para contalo.

Atravesamos o monte a carón do mato de Machinas onde puidemos observar os marcos de pedra co R o cal nos indica que nalgún momento foi devesa real (a madeira empregábase para a construción de barcos da Coroa. O antigo Viveiro nos Campos era para o mesmo, neste caso todos os homes de máis de 18 anos tiñan a obriga de plantar carballos para a construción naval).Enterámonos de parte da simboloxía dos cruceiros e do significado que tiñan; para nós poden parecernos simplemente bonitos ou un incordio que non me deixa ampliar a casa, que en opinións e pareceres hai de todo. Pepe díxonos entre outras cousas que o dedo extendido do cristo sinalaba o camiño principal; normalmente hai unha virxe ás costas do cristo e unha caveira aos seus pés. Tamén comentou que cerca de calquera cruceiro pode haber enterramentos de bebés que morreron sen bautizar posto que non podían ser sepultados en sagrado. Isto comentóunolo a carón do cruceiro do Castro, noutrora coñecido como o cruceiro da Torre pola torre dos Montenegro, antigos Señores de Mourente. Carlos levounos ata onde se supón que estaba emprazada aínda que xa non quedan restos dela.

Por suposto, subimos ao Picoto. Pasamos moi preto das Covas dos Mouros e detivémonos ante os restos dunha posible mámoa. Hai unha zona no monte do Castro onde houbo construcións castrexas agora expoliadas, destruídas, esquecidas. Parte da culpa tena a cobiza e a ignorancia así como o mito de que o topónimo Mourente vén de mouros, dos de turbante e pantalóns amplos mesturados con outros mouros de connotacións máxicas. Nada máis lonxe da realidade aínda que moita xente siga mantendo a lenda de mouros e tesouros e, para máis inri, na igrexa parroquial haxa un mouro de pedra baixo o púlpito. Absurdo, pero certo.

Fomos tamén por Montecelo e falamos de que o topónimo Moldes ten que ver cos muladís, poboadores cristiáns que virían de territorio árabe. Tamén nos enteramos de que Mourente foi concello. Por certo Mourente1 viría do nome dun posuídor: de MAURUS teriamos o derivado MAURENTUS que daría Mourente a través de MAURENTI. Aínda que non saibades latín nin controledes de evolución ligüística que non vos dea preguiza ler sobre estas cousas, sorprenderíavos.

Hai un libriño2 de 112 páxinas que conmemora os primeiros 25 anos de historia da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente. Editado en 1984 fai un repaso pola vida da SCDM e tamén fala da historia da parroquia, dos seus cruceiros, da lenda do Mouro. Ata hai unha regueifa boísima entre mozas de Mourente e de Lérez. Os que teñades este libriño conservádeo como un tesouro, pero este de verdade non como o dos mouros.

Este domingo tamén hai paseo e parolada a partir das 10, sairemos dende o local da Cultural. Estaremos en boa compañía, pasearemos e saberemos un pouco máis da nosa parroquia. Animádevos!

1 ELIGIO RIVAS QUINTAS Onomástica Persoal do Noroeste Hispano, Editorial Alvarellos, 1991. Páx. 226

2 S.C.D. Mourente; 25 anos de historia. SCDM 1984.