Para un Nadal con Apego

O programa Apego pon á disposición das familias con crianzas un deseño de carta en galego para enviárenlles os seus desexos aos seres máxicos do Nadal. A carta, deseñada por Ruth Caramés, vai acompañada dunha folla con propostas de agasallos que as crianzas poden recortar e pegar para decorala. Está dispoñible para descargar no sitio web do Apego ou directamente desde estas ligazóns: carta e proposta de agasallos.

Estes materiais súmanse a outros recursos relacionados co Nadal que poden atoparse en apego.gal, como as etiquetas para personalizar agasallos, as tarxetas de felicitación do polbiño Po ou a grilanda do Apalpador. O programa Apego ten como obxectivo incrementar a porcentaxe de crianzas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Con esta idea, ofrece un completo apartado dedicado a recursos virtuais e descargables que promoven a socialización en galego da infancia.