Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede, despois de cinco anos en que a comunidade creadora do internet en galego non fixo máis que medrar. Nesta edición quérese facer un achegamento a persoas de todas as idades que poidan compartir os seus saberes a través de videotitorias para problemas cotiás. Tamén nesta edición o catálogo de persoas creadoras será unha das novidades que servirá como escaparate para visibilizar todos os proxectos a través das redes sociais de Youtubeiras. Con isto búscase consolidar a comunidade e ofrecer un lugar de referencia ao público para buscar contido dixital en galego.
“Para rede, a nosa” é o lema desta sexta edición, co que se simboliza a seguridade e o orgullo da comunidade creadora das plataformas dixitais. Para consolidar a comunidade retomaranse as actividades de convivencia, intercambio e formación. O primeiro será a Megacolab, a xornada de creación colectiva que se celebrará o sábado 18 de xuño en Santiago de Compostela (inscricións aquí). Outras actividades serán o encontro en liña con outras comunidades de creación en linguas non hexemónicas, que será en setembro, ou o obradoiro formativo sobre administración e xestión fiscal, en decembro.
As bases pódense consultar na páxina web de Youtubeiras, www.youtubeiras.gal, que inclúe dúas grandes novidades neste 2022. A primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021.
Os Premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Este proxecto ten o obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede. Neste 2022 chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora. Para acadar esta meta, recuperarase a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas en centros educativos ao tempo que se reestruturarán as categorías dos Premios Youtubeiras.