Paisaxe, toponimia e mapas.

A paisaxe, o espazo que nos rodea, é o ámbito sobre o que actuamos e nos desenvolvemos. A paisaxe da que hoxe facemos uso vén sendo transformada por homes e mulleres desde que foi habitada por vez primeira, adaptándose ás súas necesidades. Elementos como as propias aldeas e a súa configuración no territorio, os campos de cultivo e os seus usos e traballos, os camiños, o uso do monte, estruturas arquitectónicas como os muíños, os batáns, os fornos… ou elementos de carácter relixioso como as igrexas, os cruceiros ou os petos de ánimas responden a unha motivación humana, implican a transformación dun espazo para, como se refire con anterioridade, adaptalo ás necesidades das persoas que o habitan.

Os cambios socioeconómicos determinan, por outra parte, que as necesidades humanas varíen co paso do tempo. Nalgúns casos, estas mudanzas supoñen o abandono e esquecemento daquilo que deixa de ser de utilidade. Por contra, homes e mulleres foron conservando aqueles outros elementos que lles foron útiles e adaptándoos ás novas necesidades. Poderíase dicir que só perdura no tempo aquilo que ten utilidade e que segue a ser empregado.

En certa medida, ocorre algo semellante coa toponimia. Igual que no caso anterior, tenden a conservarse aqueles topónimos que seguen a ser útiles para os habitantes dun determinado lugar e, de igual forma, noméanse novos referentes. En Santa María de Xeve, por exemplo, no lugar dos Fontáns, unha das curvas (que no noso territorio non son poucas) da estrada pasou de ser unha simple curva a ser A Curva, lugar de reunión da mocidade. Entre eles era frecuente oírlles dicir: “quedamos na Curva” e esa curva era perfectamente identificada polo grupo. Mentres tanto, outros nomes de lugar foron deixándose de usar ao non seren funcionais para os seus usuarios.

Situémonos agora nun punto en que paisaxe e toponimia conflúen. A toponimia dun lugar localízase nun espazo, dá nome e forma parte da paisaxe. Nos traballos de recollida, para integrar paisaxe e toponimia, empregamos os mapas, ferramenta que contribúe a comprender o territorio de forma integral ao mostrar nun mesmo nivel paisaxe e toponimia. A través destes mapas obsérvase a configuración do espazo e como o ser humano foi nomeando ese espazo atendendo, por exemplo, a características propias do lugar ou aos usos que se lle foron dando co paso do tempo. O seu estudo permite un achegamento á historia vivida dos seus habitantes.

Os topónimos son testemuñas do pasado e poden contribuír a coñecer a nosa historia, ensinarnos cousas sobre o lugar a que se refiren e sobre o territorio que se atopa ao redor. A través deles sabemos das formas de vida dos seus habitantes no tempo e de como se foron modificando para se adaptaren ás novas necesidades, e incluso achegan información cando se deixan de usar.