O sábado 5 de xuño entréganse os II Premios Mil Primaveras en Pontevedra

O 5 de xuño ás 18.30 horas o Concello de Pontevedera acolle no Teatro Principal de Pontevedra o acto de entrega de premios da segunda edición dos Premios Mil Primaveras para darlles visibilidade aos proxectos premiados. Os Premios Mil Primaveras foron creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.

No acto, que será conducido por Bea Campos e Manuel Pombal (de Migallas Teatro), entregaranse os premios aos seguintes proxectos: Enreguéifate e Regueifesta (como proxecto estabilizado), Galeguiza-T (como proxecto novo), Dígocho Eu (pola súa comunicación e impacto), Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega (como programa máis innovador), Projeto Educativo Semente (como proxecto destinado á infancia), Galegoempresas (como proxecto dun ámbito sectorial) e O galego, a miña lingua propia (mención especial).

A CTNL convocou en 2020 a segunda edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos. Entre os 37 proxectos presentados, o xurado decidiu recoñecer os seguintes:

PREMIO AO MELLOR PROXECTO ESTABILIZADO
Escolleuse o proxecto conxunto Enreguéifate e Regueifesta (SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo), por ser un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais. Enreguéifate é un dos programas colaborativos desenvolto desde os SNL dos concellos de Pontevedra, Ames, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo.

PREMIO AO MELLOR PROXECTO NOVO
O xurado premiou Galeguiza-T (Galeguiza-T), por ser un proxecto cun gran traballo de base, creado desde e para a mocidade, a través das súas propias redes de comunicación e incidindo nos seus temas de interese.

PREMIO Á MELLOR COMUNICACIÓN E IMPACTO
Escolleuse o proxecto Dígocho Eu (CRTVG), por ser unha iniciativa fresca, de grande impacto social, con boa imaxe e efectividade comunicativa, dirixida ao conxunto da cidadanía e que conecta facilmente coa infancia e a mocidade.

PREMIO AO PROXECTO MÁIS INNOVADOR
Recoñeceuse o Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega (ENDLG do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo), por aproveitar a actualidade sanitaria do momento para crear un proxecto totalmente adaptado ás circunstancias da pandemia, adecuando ferramentas e recursos coñecidos a unha situación singular.

PREMIO AO MELLOR PROXECTO DE FOMENTO DO GALEGO NA INFANCIA E/OU MOCIDADE
O xurado escolleu o Projecto Educativo Semente (Projecto Educativo Semente), por ser un proxecto integral, ambicioso e esperanzador para o futuro da lingua, que logrou cubrir un oco, a inmersión lingüística, que a iniciativa pública deixou de lado.

PREMIO AO MELLOR PROXECTO DE FOMENTO DO GALEGO NUN ÁMBITO SECTORIAL
Recoñeceuse a Galegoempresas (SNL de Santiago de Compostela, Ames e Teo), por ser un proxecto efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas, que relaciona o uso da lingua con valores de calidade e proximidade.

MENCIÓN ESPECIAL
O xurado outorgou unha mención a O galego, a miña lingua propia (SNL da Deputación Provincial da Coruña), por ser un proxecto de calidade que pode servir de estímulo e modelo para outras administracións (deputacións, concellos…).

Acto de entrega
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. O galardón consistirá nunha peza artística elaborada coas técnicas tradicionais do cartón pedra e papel machucado, obra de Electra Menéndez, do obradoiro Pedras de Papel, ademais de no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.  No web milprimaveras.gal están dispoñibles os proxectos premiados neste edición e mais na primeira.

Para asistir ao acto público de entrega o 5 de xuño ás 18.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra haberá acceso libre, con protocolos anticovid, ata completar a capacidade do teatro.