O Concello de Pontevedra, en colaboración co Museo, organiza o sábado 16 de maio a presentación da obra O libro negro da lingua galega seguida por un roteiro por Pontevedra sobre a historia da represión lingüística na cidade. Estas actividades comezarán ás 11.30 h da mañá no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, e insírense na programación da Concellaría de Normalización Lingüística para recuperar a historia da lingua.
O libro negro da lingua galega, que vén de publicar Xerais, é a historia da represión do idioma galego. Carlos Callón recolle na obra máis de 1.000 casos de represión da lingua documentados entre os anos 1480 e 1986. Ademais do autor, participarán na presentación da obra Pilar Freitas Juvino, Sabela Bará representando A Mesa pola Normalización Lingüística e Valentín García Bóveda en representación da Fundación Alexandre Bóveda. A seguir realizarase o roteiro centrado na historia da represión lingüística en Pontevedra, guiado por Carlos Callón. O itinerario inclúe a visita á Táboa de Belvís, que foi pintada en castelán por riba das inscricións medievais orixinais en galego, ou a relacionada coa queima de libros de 1951 por traducir poesía alemá á nosa lingua. A asistencia é libre ata completar a cabida do Museo.