Despois da parada obrigada pola pandemia de covid-19 que obrigou a suspender a edición de 2020, o Club de Debate volveu este ano coa participación de cento nove mozas e mozos que participaron o 5 e 6 de abril nas xornadas de debates preliminares en Negreira. Nesta nova xeira participaron doce equipos e profesorado de nove centros educativos. Ademais de dous equipos de Pontevedra: do IES Sánchez Cantón, preparado pola profesora Salomé Díaz, e do Colexio Sagrado Corazón de Praceres, preparado pola profesora María Expósito, participaron nas fases preliminares equipos dos IES de Ames e do Milladoiro, Antonio Fraguas, Cacheiras, Punta Candieira, Xulián Magariños e do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón. O IES Sánchez Cantón obtén o primeiro premio da fase preliminar do Club de Debate en Negreira e clasifícase para a final do 6 de maio. O colexio Sagrado Corazón de Praceres quedou ás portas da clasificación.
Nas dúas fases preliminares celebradas no concello de Negreira o martes 5 e o mércores 6 de abril. Debateron a favor e en contra do tema “A liberdade individual está por riba do interese colectivo?”. Os tres equipos mellor puntuados polo xurado en cada xornada pasan á final do venres 6 de maio en Pontevedra. Xunto co IES Sánchez Cantón de Pontevedra tamén se clasificaron para a final o IES Punta Candiera, de Cedeira; dous equipos do IES do Milladoiro, de Ames; o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro; e o IES Xulián Magariños, de Negreira.
Este programa de normalización lingüística está organizado polos concellos de Pontevedra, Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Santiago de Compostela e Teo. Dirixido á mocidade, o Club de Debate ofrece contextos para os usos formais e informais da lingua, promove o traballo en equipo, a investigación e a xestión de argumentos. Para isto artéllase arredor de exposicións orais en público realizadas en equipo para defender ou refutar un tema proposto. A proposta ofrece tamén espazos para a socialización e traballo, tanto dentro dos equipos como entre os equipos; incentiva o pensamento crítico, a investigación e a elaboración de argumentos e tamén axuda a mellorar as aptitudes para falar en público. O calendario da actividade comezou antes do Nadal, coa inscrición dos equipos; despois participaron en xornadas de formación en habilidades comunicativas e nos debates dunha das dúas xornadas clasificatorias.
O Club de Debate ofrece máis de 4.000 euros en premios para os equipos. Repartíronse 1.600 € para as fases preliminares, dous primeiros premios de 500 euros e dous segundos premios de 300 euros; Na final habera dous premios, de 1.500 e de 1.000 euros para os equipos que obteñan a maiores puntuacións do xurado.
A necesidade de proxectos como este queda reflectida tanto na boa acollida que ten a proposta nos centros de ensino como en recoñecementos como o do xurado da novena edición dos premios Rosalía de Castro de iniciativas a prol da lingua, que convoca a Sección de Normalización da Deputación Provincial da Coruña, que no ano 2020 considerou o Club de Debate merecente do galardón.
O Club de Debate está en Youtube e en Facebook, onde se poden ver algúns dos vídeos de edicións anteriores.
O equipo gañador do IES Sánchez Cantón, preparado pola profesora Salomé Díaz Muñiz, estaba formado por alumnado de 1º de bacharelato: Sabela Rivas Campos, Javier Hermida Hermida, Izan Vázquez Cabodevila, María Pazos González, Alejandro González Paz e Rosalía Blanco Vázquez.
Do Colexio Sagrado Corazón de Praceres, a preparadora é a profesora María Expósito Martínez e o equipo estaba formado por alumnado de 4º de ESO: Daniela Agulla Vilas, Julia Carro Tomé, Roberto Diz Parrondo, Leyre García Landín, Eva García Santamaría, Noelia González López, Nicolás Parada Méndez, Pablo Paz Días, Inés Rey González e Hugo Vázquez Fuentes.





