The Rapants, Fillas de Cassandra, Moura, Lamontage & Pico Amperio ou Moucho forman parte dun cartel distribuído en dúas xornadas: o venres 5 de maio e o sábado 6 de maio.
Trátase dun evento que proxecta máis dunha ducia de actuacións de estilos e xéneros diversos, onde tamén hai oco para a programación infantil e xuvenil, con propostas como Pakolas ou Mamá Cabra.
O Galegote Rock celebrará os seus once anos de vida por todo o alto. O festival de música promovido polo Concello de Pontevedra volverá traer até a cidade unha selección das mellores propostas actuais do país. Nomes relevantes, promesas futuras, xéneros diversos e a lingua galega como base.
As datas escollidas para esta edición serán o venres 5 de maio e o sábado 6 de maio. A primeira xornada funcionará como unha gran presentación do que estará por vir ao día seguinte. A xornada do sábado será un día intenso e sen parada, cheo de música en diferentes espazos. Toda a programación é de balde.
O edil de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, sinalou que o obxectivo desta proposta cultural e de ocio é dar a coñecer a ampla variedade musical «que temos en galego en todo país e, especialmente, en Pontevedra». «Temos novas bandas, novos estilos… A música galega está a vivir un proceso de rexeneración e cada vez máis xente se achega a ela. Sobran exemplos nos últimos anos. Queremos promover a transmisión da lingua ás novas xeracións».
Nese sentido, este ano o Galegote conta con programación de carácter infantil e xuvenil, con propostas como Pakolas, Mamá Cabra ou o propio concerto especial de Xeración Sónica.
«Haberá bandas saídas do Local de Música e haberá grupos que están a recibir moitísima atención polo país adiante», indicou o edil. «Esta é unha aposta firme por programar música galega de calidade, poñendo en valor o noso idioma, e por axudar a que as bandas sigan a moverse polo resto das salas, creando un circuíto de seu, e os festivais máis grandes comecen a contar con músicos e músicas que fan cancións en galego».