O 8 de xuño entréganse os V Premios Mil Primaveras en Pontevedra

O acto de entrega da quinta edición dos Premios Mil Primaveras terá lugar o sábado 8 de xuño ás 19.30 h no Pazo da Cultura de Pontevedra. Estes premios foron creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como principal obxectivo o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio.

O acto é público, con acceso libre ata completar a cabida da sala. Contará coa actuación de Rilo & Penadique, proposta de narración e música de Verónica Rilo e Sonsoles Penadique, e servirá para entregar os premios aos proxectos recoñecidos polo xurado.

V Premios Mil Primaveras

Aquí tamén se fala (IES Rafael Dieste, A Coruña), pola súa boa planificación, por traballar a lingua en positivo e por converter as persoas destinatarias en axentes normalizadores.

CeibaRimas (Merenda Creativa), por promover o uso oral da lingua entre a mocidade asociándoa á creatividade, ao lecer e á modernidade.

Elos. Engánchate ao galego! (Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela), por favorecer a socialización e a integración da poboación que quere aprender a nosa lingua e contribuír a aumentar a escasa oferta formativa en galego para adultos.

Recuncho Gamer (Recuncho Gamer), por levar o galego a un ámbito estratéxico e moi atractivo para a xente nova, o dos videoxogos, explorándoo a través de diferentes canles: poscast, streaming, gameplays, vídeos en redes sociais…

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. A difusión dos proxectos faise tamén a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde poden consultarse en detalle, xunto cos premiados en anteriores edicións. Para o acto de entrega, a CTNL conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.