Nova quenda de actividades con moito Apego pola lingua

Bota a andar unha nova quenda de actividades do Apego. Este programa de Normalización Lingüística ten como obxectivo ofrecerlles ás familias con crianzas de 0 a 6 anos recursos e ferramentas para arroupar a crianza en galego, así como xerar espazos onde socializar e tecer redes na nosa lingua. Toda a programación, que se estende desde o 10 de abril ata o 14 de xuño, é de balde, mais cómpre inscribirse previamente, xa que a cabida é limitada. Á hora de adxudicar as prazas, terán preferencia as familias do concello de Pontevedra que formen parte do programa.

Para a inscrición están activos dous formularios: un para para as actividades do Apego na primavera e outro específico para as actividades Seres máxicos da nosa mitoloxía, guiadas polo Colectivo Xurelo e Ab Origine, e que forman tamén parte do Apego.

Apego na primavera

A música será o elemento vertebrador das actividades dirixidas a familias con bebés de 0 a 3 anos, que estarán guiadas e acompañadas por distintas asociacións e profesionais: Alma Blanco ofrecerá un obradoiro para aprender unha rutina de masaxe para bebés acompañada de arrolos e xogos de tacto; a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy e Cé Orquestra Pantasma participarán na programación con dúas propostas de estimulación sonora para coñecer distintas cantigas, enredos e xogos, e nas que os bebés terán tempo para experimentaren con distintos obxectos sonoros; Pablo Díaz, pola súa banda, propón unha viaxe a través dos contos, coa música como fío condutor dunha sesión na que as familias participarán axudando a entoar melodías e retrousos dos seus temas máis coñecidos; e Sonsoles Penadique, acompañada polo pianista Andrés Martínez, estreará no Apego a actividade Peixe valente, que combina música, poesía, narración e movemento corporal.

As familias con crianzas de máis idade poderán gozar tamén dunha ampla oferta de actividades: María e Carme da Pontragha guiarán unha sesión de contos, música e baile centrada na herdanza de todas as mulleres transmisoras da nosa tradición oral e popular; Alouette Machine impartirá un obradoiro creativo que convida a xogar coas palabras e a coñecer o marabilloso mundo das aves que nos rodean a través da súa imprenta ambulante; e na Verbateca de Mekané desenvolveranse distintos xogos e probas que haberá que superar para conseguir un tesouro de palabras fermosas.

É novidade na programación do Apego de Pontevedra a actividade de ioga en familia, deseñada e impartida por Myriam Viéitez e Daniel Galiñanes, familia que forma parte do programa Apego de Pontevedra. A súa proposta é unha práctica lúdica para establecer conexións a través do movemento, a respiración e o contacto, e permitirá ao tempo traballar o léxico relacionado coas partes do corpo. Haberá dúas sesións desta actividade: unha orientada a familias con crianzas de 2 a 4 anos e outra específica a partir dos 4 anos. Ademais, a unión entre lingua, corpo e movemento será tamén o fío condutor da actividade Danzando coa primavera, impartida por Laura Martínez e orientada a crianzas desde o primeiro ano de idade e ata os seis anos.

A programación pecharase coa Foliada con Apego de Pablo Díaz e Olga Kirk o martes 9 de xuño ás 18.30 nos xardíns do Doutor Marescot. Será un encontro participativo cheo de música para compartir, cantar, bailar e pasalo moi ben. Esta actividade final está aberta a familias con crianzas de 0 a 6 anos, que poderán levar instrumentos tradicionais de percusión para axudar a facer a festa.

Descarga o cartel coa programación do Apego na primavera / Formulario de inscrición

Seres máxicos da nosa mitoloxía

De maneira paralela, e tamén dentro da programación do Apego, desenvolveranse unha serie de actividades orientadas a familias con crianzas a partir de tres anos que estarán centradas nos seres máxicos da mitoloxía galega. Serán cinco sesións entre abril e xuño, que terán continuidade no outono, e que se desenvolverán os domingos pola mañá en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Trátase de actividades de hora e media de duración, que constan dunha pequena explicación de carácter antropolóxico, un contacontos, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. Estarán guiadas polo Colectivo Xurelo e Ab Origine, e contarán co acompañamento musical de Marcelo Dobode. As xornadas están pensadas para que as familias entren en contacto coa antropoloxía da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica, a través das figuras máis importantes do noso imaxinario mitolóxico, ao tempo que se fomenta o uso da lingua entre as crianzas.

Descarga o cartel coa programación de Seres máxicos da nosa mitoloxía / Formulario de inscrición

As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumárense aquí.