Música, poesía e observación astronómica para celebrar o Día de Rosalía

Día de Rosalía

OS ACTOS DO DÍA DE ROSALÍA TRASLÁDANSE AO PAZO DA CULTURA DEBIDO ÁS PREVISIÓNS METEOROLÓXICAS

O Concello de Pontevedra celebrará o xoves 23 de febreiro o Día de Rosalía, cunha xornada que camiñará entre a música, a divulgación científica e a cultura poética. A programación, promovida pola Concellaría de Normalización Lingüística, inclúe dous actos que se estenderán durante a tarde do xoves en distintos espazos da cidade.

Dunha banda, ás 17.30 h, o Parque de Amalia Álvarez será o escenario para o obradoiro infantil Figueiriñas que prantei, realizado por Polo Correo do Vento e musicado por Antón Ke, que está dirixido a crianzas de máis de tres anos.

Doutra banda, ás 20 h, na avenida de Raíña Vitoria, terá lugar un recital poético da man de Estíbaliz Espinosa, que se mesturará coa busca da estrela Rosalía de Castro no ceo nocturno cos telescopios da asociación astronómica Sirio. A estrela HD 149143 está situada na constelación de Ofiuco e foi rebautizada en decembro de 2019 co nome Rosalía de Castro, pasando tamén o seu planeta asociado a chamarse Río Sar.

O Concello de Pontevedra procura con esta xornada participar na divulgación e posta en valor dunha figura clave para a lingua e a literatura galega como é Rosalía de Castro, cuxo impacto na cultura e sociedade do país é transversal e máis que recoñecido, chegando até os nosos días como a muller galega máis influínte e estudada da historia.