O Concello de Pontevedra promove este certame co fin de incentivar o uso da lingua galega na creación musical ao tempo que son homenaxeadas as grandes figuras das Letras Galegas.
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego, e co obxectivo de incentivar o uso da lingua galega na música creada e interpretada no municipio, o Concello de Pontevedra convoca un novo certame musical aberto baixo o nome de Música nas Letras 2023.
As bandas ou artistas participantes deberán musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos da autoría dalgunhas das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas ao longo da historia, desde Rosalía de Castro (1963) até Francisco Fernández del Riego (2023).
Poderán participar bandas ou artistas de calquera xénero ou estilo musical. A lingua de comunicación, creación e interpretación ten que ser o galego, e polo menos unha das persoas compoñentes da banda debe ser de Pontevedra.
Os grupos ou solistas participantes deberán remitir ao enderezo snl@pontevedra.gal a súa proposta creativa nun formato de audio xunto cos datos da banda: nome e compoñentes, datos de contacto e fotocopia do DNI ou volante de empadroamento que certifique a residencia en Pontevedra dunha das persoas da banda. O prazo de presentación remata o 8 de maio de 2023.
O xurado, composto por profesionais do sector cultural, seleccionará os grupos finalistas, que interpretarán a súa composición o 17 de maio nun acto público organizado polo Concello, no que tamén terá lugar a entrega de premios.
Haberá tres premios: de 1000, 500 e 250 euros. Haberá tamén un premio do público, consistente nun lote de libros, que se votará entre o 3 e o 15 de maio a través do Instagram @lingua_pontevedra.