O muíño como valor patrimonial

Os muíños hidráulicos tiveron un alto valor no noso territorio, tanto económico como social. O valor económico estaba asociado á súa función básica: a produción de fariña. O valor social emana de se converteren estas construcións en lugares de encontro entre a veciñanza, o que daba pé ao divertimento entre tanto se moía.

A xeografía inflúe de forma indiscutible na localización deste tipo de construción. A necesidade de fortes correntes de auga para os pór en funcionamento determina que se sitúen nas marxes dos ríos e condiciona a súa concentración en tramos de correntes e desniveis. O coñecemento do medio e dos recursos permite o desenvolvemento de técnicas que facilitan o traballo para o seu aproveitamento. Os muíños hidráulicos son unha mostra da importancia deste coñecemento.

O estudo deste elemento do noso patrimonio cultural achéganos, ademais da anteriormente descrita, outras informacións relevantes como, por exemplo, as formas de organización social. Sabemos que os muíños podían ser de titularidade privada ou de herdeiros. Os muíños de titularidade privada eran tamén coñecidos como muíños de maquía. A maquía era a medida de fariña con que se quedaba a persoa que moía polo uso do muíño.

Os de herdeiros eran muíños compartidos nos que para a súa construción participaba un conxunto de veciños que despois facía uso del. As familias quedaban así na obriga de colaborar na súa conservación e para o empregar establecíanse quendas por horas e días que se recollían por escrito. Cando os herdeiros non precisaban moer era habitual ceder o uso da quenda a aquelas persoas que non dispoñían de muíño.

Os aspectos construtivos tamén nos revelan características concretas da área en que se insiren: os materiais empregados, o sistema de canalización, o número de pezas de moer que tiña cada un, se é de rodicio ou de bruia…

Tamén os nomes son indicativos e achegan información relativa a, por exemplo, os propietarios (de Torres e de Blanco), a localización (detrás da Casa, Derriba), as características do espazo en que foron construídos (“d’antros carballos”, da Costiña, do Porto, das “Chardabouzas”) ou sobre a súa antigüidade (Vello).

Para alén disto, non se pode deixar de destacar a súa función social. Como lugar de reunión convertéronse en espazo privilexiado para divertimentos, conversas, bromas, xogos, bailes (significativo o nome da muiñeira)…

Na actualidade a maior parte destes muíños están en estado de abandono: o pan xa non se fai na casa, a fariña é de fácil acceso e a comercialización do muíño eléctrico facilitou que moita xente puidese moer na casa.

O patrimonio cultural agocha moita máis información da que se aprecia nos elementos construídos. Meu avó dicía que, de novos, apenas tiñan que se desprazar á cidade para se abastecer de produtos básicos como o alimento ou o vestido xa que no propio Xeve tiñan de todo. Os muíños son tamén parte dos recursos que o facía posible.