Lipdub EU FALAREI

Debíavos algúns dos vídeos que puxen na anterior sesión, así que aquí van, este é o “Eu falarei” que tanto gustou o alumnado de Campañó, tamén deixo a ligazón o “como se fixo”http://www.youtube.com/watch?v=HCsm1Wv9xXw

Como vos contei é unha lipdub feita polo alumnado de Capela en Vigo.

Consultando na Galipedia atopei isto sobre o termo Lipdub:

Un lipdub ou lip dub (“dobraxe de beizos”) é un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus beizos, xestos e movementos cunha canción popular ou calquera outra fonte musical.

Realízanse nunha soa toma (plano secuencia), na que os participantes fan playback (sincronización de beizos) mentres soa a música nun reprodutor móbil. Non importa a calidade do son da toma porque é na edición posterior cando se incorpora a canción como banda sonora. O feito de que se trate dunha plano secuencia fai moi fácil o proceso. Con estes vídeos, os seus autores, ademais de realizar de forma colectiva unha experiencia creativa, moi divertida e sen complicacións técnicas, adoitan tratar de mostrar o bo ambiente nunha institución determinada: universidade, empresa, colexio…

Adquiriron gran popularidade grazas ás páxinas de almacenamento de vídeos como YouTube.

Un bo lip dub ten que posuír as seguintes características:

-espontaneidade:ten que parecer que alguén acaba de ter a ocorrencia no momento
-autenticidade: a xente, produción e situación parecen reais.
-participación: o vídeo non consiste nun playback espectacular dunha soa persoa, senón no dun grupo facendo un esforzo colectivo espontáneo que parece transmitir a alegría e boa onda da canción.
-diversión: as persoas do vídeo han de estar a se divertir.

Os lipdubs conteñen a miúdo referencias culturais, como imitadores de famosos ou chiscadelas á actualidade informativa.