Lendas e cultos de Santo André de Lourizán

Resulta que Lourizán tamén ten a súa lenda de mouros. As únicas lendas das que tiña constancia eran a da Luz dos Sete Camiños, neste caso compartida coas parroquias de Salcedo e San Xulián, aínda que a lenda foi recollida en San Martiño; e a da Virxe dos Praceres, de carácter relixioso.
Pois ben, na Pedra dos Mouros, na zona do Montiño, hai unha lenda. Según contan os informantes, cando ían co gando ó monte de rapaces, golpeaban cunha pedra sobre ela e soaba a oco. Isto acontecía porque nese lugar había un tesouro enterrado, que según dicían os vellos, era o tesouro dos mouros. Non sabemos se no pasado esta lenda era máis elaborada, como as recollidas en Salcedo, ou sempre foi así de sinxela.
Moi perto dalí atópase O Escorreghadoiro do Montiño, unha pedra inclinada que os rapaces de Lourizán usaban a xeito de tobogán, da mesma maneira que A Pedra do Escorreghadoiro era lugar de xogo para os nenos de Salcedo.
A outra lenda, a da Virxe dos Praceres, fai referencia a como naceu o culto da patroa da parroquia e como se construíu o seu templo nese lugar. Según contan, fai uns séculos foi atopada a imaxe da Virxe no Río da Comboa, perto da Pedra Longa. Os veciños decidiron levala á igrexa parroquial, en Lourizán, para o que empregaron un carro de bois. Pero os bois, ó chegar uns metros máis adiante, ó lugar que hoxe se chama Os Praceres, non querían seguir. E por moito que lles deran coa vara, os bois non andaban. Finalmente, andaron, pero non hacia adiante, senón hacia o mar, ata O Cabo. Iso foi percibido como un sinal divino para que construíran un templo que aloxara a imaxe nese lugar. Así que se construíu a Ermida de Quitapesares.
Quitapesares é un topónimo que fai referencia ós lugares de especial beleza, onde as penas se esquecen admirando a paisaxe. Ó parecer, antigamente, os mariñeiros da Moureira, cando pasaban por diante, rezaban unha Salve en dirección ó templo.

Fai tempo que xa non existe. No seu lugar, atopamos a Igrexa dos Praceres, mandada construír por Montero Ríos e inaugurada en 1888, aínda que non está exactamente no mesmo lugar. Ata fai unhas décadas, a Romería dos Praceres era multitudinaría. Centos de persoas se acercaban a oír a misa e comer empanada no Arenal, a praia que había no contorno da igrexa e que hoxe está enterrada baixo as pistas deportivas, e na Xunqueira do Río da Ponte. Pero todo iso foi esmorecendo e a festa foi perdendo protagonismo. A praia e a xunqueira fai moito tempo que xa non existen e este ano por primeira vez non houbo verbena. Por certo, que nos Praceres existía o rito das nove ondas (ou sete, según a versión) relacionado coa fecundidade, similar ó da Lanzada. Pero os vellos xa non o recordan. O que si recordan é que a xente se metía na auga para sanar de enfermidades, sobre todo das da pel, pois as augas de mar dos Praceres estaban consideradas curativas. Ironías da vida: cando penso en tódalas veces que de neno me bañaba cos meus amigos nunha auga celulósica de cor marrón, con escuma branca e quente coma o caldo. Así quedei!
Se a patroa é a Virxe dos Praceres, o patrón, que lle dá nome á parroquia, é Santo André. A Igrexa de Santo André de Lourizán está no lugar da Igrexa, según os mapas, porque en realidade ninguén lle chama así. Para os veciños, ese lugar é Lourizán.
Esta igrexa é moi antiga, da Idade Media, según se documenta. Pero seguramente a súa orixe é anterior. Disto falaremos noutro post.
Perto dela, atopamos o topónimo San Gregorio, que obedece a que nese lugar existiu un templo adicado a este santo. Unha proba máis de que os topónimos aportan moita información.