O Concello de Pontevedra, a través da súa Área de Normalización Lingüística, celebrará o Día de Rosalía cunha lectura pública de textos de Cantares gallegos e Follas novas.
O acto terá lugar o 23 de febreiro ás 19 h, coincidindo coa data de nacemento da escritora. Acollerao a Fundación Manuel Moldes e estará aberto a toda a cidadanía. Aquelas persoas que queiran participar na lectura poden anotarse e escoller un texto por medio do formulario que está xa habilitado en apuntate.pontevedra.gal.
A autora Alicia Fernández Rodríguez conducirá a xornada e lerá o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), redactado por Eva Veiga e que conecta co lema escollido pola RAG para este 2026: «Mais eles tamén perdidos», un verso de Follas novas. Participará tamén o Conservatorio de Música Manuel Quiroga coa interpretación da suite de Gaos a mans dun quinteto formado por docentes do centro. A ambientación do espazo estará a cargo de ALTAR e o deseño do cartel é da ilustradora Belén Diz.
Cantares gallegos e Follas novas foron dúas obras revolucionarias por estaren escritas en lingua galega (cando ninguén escribía así e non había estándar, nin gramáticas nin dicionarios), polos temas que trataban, pola calidade literaria, polas voces poéticas dos textos e porque a autora atreveuse a publicar como muller, asumindo co seu nome as consecuencias de publicar dúas obras que sabía tan necesarias como incómodas para a sociedade da súa época. Xa que logo, o Concello de Pontevedra súmase á celebración do Día de Rosalía de Castro desde a Área de Normalización Lingüística e centra a lectura nos textos en lingua galega da autora.




