O programa Apego ofrecerá durante o mes de febreiro unha serie de actividades que teñen como obxectivo común facilitarlles ás familias recursos para arroupar e acompañar a crianza na nosa lingua, así como xerar espazos de lecer e socialización en galego. A programación está dirixida a familias que teñen crianzas de 0 a 6 anos ou que están agardando por un bebé. Todas son de balde, aínda que cómpre inscribirse previamente en apuntate.pontevedra.gal, xa que a cabida é limitada.
A programación inclúe dúas propostas específicas para os primeiros meses de vida. A primeira, Música na pel, vén da man do Espazo Educativo Arkhé, que impartirá un obradoiro para que as familias con bebés de máis de dous meses e que aínda non se despracen aprendan unha rutina de masaxe equilibrada, acompañada de arrolos, cancións tradicionais e xogos de tacto. A segunda, Arrolar, é unha proposta da Fundación Legar orientada a familias con crianzas de 0 a 15 meses para aprender a usar arrolos e cantigas de berce, e crear con eles espazos de relaxación e calma.
Outras actividades están orientadas a familias con crianzas ata o 3 anos. É o caso de Corochas, de Atenea García, unha sesión de narración oral, música e obxectos, baseada no conto acumulativo, o xogo de imitación e a canción. Tamén a Fundación Legar impartirá un obradoiro dirixido a familias con crianzas desde os 15 meses ata os 3 anos, Arrolar e bailar, no que ademais de aprender arrolos, poderán gozar con cantigas e bailes de roda en familia.
O obradoiro Cucú tapa o cu, deseñado por Lorena Pinheiro, está dirixido a familias con crianzas de 3 a 6 anos e ten como obxectivo aprender xogos e enredos do noso patrimonio cultural inmaterial: trabalinguas, adiviñas, recitados, cantigas e bailes cos que xogar en calquera contexto ou lugar.
A programación remata o 27 de febreiro con Triscus Beliscus, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, un obradoiro de narración oral e música para contar, xogar, cantar e bailar que estará aberto a todas as idades, de 0 a 6 anos.
As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí.
O cartel coa programación, deseñado por Tania Solla, pódese descargar aquí.