Falamos no mes de maio

O Cineclube Pontevedra, en colaboración co programa Falamos, planifica ao longo do  mes de maio a proxección de tres filmes, cun faladoiro posterior, co obxecto de promover  espazos de socialización en lingua galega relacionados especificamente co cinema. Convén lembrar que Falamos, posto en marcha polo Concello de Pontevedra  e a Universidade de Vigo, está concibido para incentivar o uso do galego entre a  comunidade universitaria promovendo unha diversidade de espazos, contextos e  actividades orientadas a acadar este obxectivo.  

As sesións programadas polo Cineclube serán de balde e precisan inscrición previa, por  cuestión de aforos e protocolos Covid, e están a abertas ao público xeral. As inscricións  poden facerse a través do enderezo de correo electrónico falamos@pontevedra.gal e, no  caso de non obter resposta 24 horas antes, tamén se habilita o teléfono 646908177. As  tres sesións terán lugar no Teatro Principal ás 20h.  

Filmes e prazo de inscrición para cada un:  

– Xoves 13. Prazo inscrición: antes do domingo 9 de maio  

DOROTHÉ NA VILA. Alejandro Gándara e Olaia Tubío, 85′, 2020, Galiza, VO  

Sipnose: A musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galiza a finais dos 70 na  procura dos cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca  saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior  compilación de músicas tradicionais do país. Corenta anos despois, Alejandro  Gándara e Olaia Tubío inician unha viaxe tras os pasos de Schubarth para atopar as  voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida. É un traxecto en que  convive a alegría de volver cantar e a frustración de chegar tarde para coñecer un  mundo que desaparece. 

– Mércores 19. Prazo inscrición: antes do xoves 13 de maio  

AS NOSAS DERROTAS. Jean-Gabriel Périot, 2019, Francia, 96 min., VOSG. Lingua  orixinal: francés  

Sipnose: As nosas derrotas ofrece un retrato da nosa vinculación coa política a través  dun xogo de reinterpretación a cargo de estudantes de secundaria que reflexionan  sobre conceptos coma os sindicatos, o capitalismo ou as revoltas sociais mentres  interpretan e dirixen extractos de filmes do Maio do 68. Que valor teñen a revolución  ou o compromiso no seu día a día? Como perciben o mundo no que medran? E, sobre  todo, van querer mudalo, destruílo ou construír un novo?  

– Mércores 26. Prazo inscrición: antes do xoves 20 de maio  

VIKINGLAND. Xurxo Chirro, 2011, Galiza, 99′, VO  

Sipnose: Mariñeiros galegos traballan nun transbordador entre a cidade danesa de  Romo e a illa alemana de Sylt. Un deles merca unha videocámara e comeza a gravar  a súa vida cotiá e a dos seus compañeiros en innumerables travesías en medio dunha  invernía. Documento sobre a emigración galega no Norte de Europa. Transposición de  Moby Dick, de Herman Melville. As imaxes orixinais posúen un alto potencial  testemuñal, mais están altamente afectadas pola deriva tecnolóxica. Recuperáronse  para volver vivir a experiencia esgotadora do traballo duns mariñeros que se atopan  lonxe do seu fogar. Esta posta en valor de imaxes de VHS en tempo da HD pode  considerarse como unha provocación. O filme é unha loita para evitar que o tempo  siga minando a memoria milagrosamente insertada na fraxilidade dos soportes  audiovisuais. Vikingland é unha nova oportunidade para dar conta de algo que todos  daban por perdido.

Nesta ocasión os filmes proxectados serán tres: Dorothé na vila, As nosas derrotas e Vikingland. Podedes ver toda a información aquí e anotarvos a través do correo falamos@pontevedra.gal.