Este mes de maio enchense as rúas de lingua!

“Maio, mes da lingua” chega cunha chea de propostas e actividades variadas co galego como principal protagonista.

Son novidades a proposta Bótalle un conto!, o concurso de narración oral, a biblioteca de literatura á disposición da veciñanza ou o concurso de Instagram no Día das Letras. Volve, despois de dous anos, o certame musical do Ben Veñas, Maio, e tamén recuncamos cun certame musical vencellado á figura homenaxeada nas letras, despois do éxito do ano pasado no X Xela.. Toda a programación do Maio, mes da lingua estará dispoñíbel neste web, onde poderás consultar as actividades que hai cada día e inscribirte nas que sexa necesario.

“Maio, mes da lingua” é un programa impulsado desde a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para reunir todas as propostas que teñen lugar no concello vencelladas ao galego durante o mes das Letras Galegas e compilalas nun mesmo lugar.

O ciclo de actividades e actuacións é un clásico dentro da programación anual do Concello, mais volve con certos cambios, adaptado aos tempos cambiantes que corren. O formato en papel queda no pasado e a aposta polo dixital é, polo tanto, un feito xa consumado que permitirá unha maior comodidade á hora de realizar inscricións, participar en certas actividades e avisar de calquera incidencia ou mudanza coa maior axilidade e celeridade posíbel.

Dentro do programa de actividades figuran as seguintes citas:
Correlingua
Xogando ando, do Apego
• A Final do Club de Debate
Bótalle un conto!
• Gala de entrega de premios e certame musical do Ben Veñas Maio
• Estrea do filme A poeta analfabeta
• A Gala das letras en Pontevedra
Os Sons no Retablo, coa ‘estrea’ do órgano de Santa Clara da man da Orquestra Clásica de Vigo
• Estrea da webserie Pringadas
• O Festival de Corais
Foliada en familia, do Apego
Por unha peseta, de Faia Díaz e Vero Rilo, na antiga igrexa de Santa Clara

Unha das novas propostas deste ano é a disposición de fondos de libros conseguidos polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra durante últimos tempos. Así, en Michelena 30, na entrada principal das oficinas do Concello, será habilitado un novo armario no que poderán ser recollidos libros de diferentes autores e autoras galardoados no Día das Letras Galegas. Este ano volverá ser realizada unha compra especial de libros por parte do Concello entre as diferentes librarías da cidade como unha maneira de «inxerir e activar a economía local» e dinamizar estes espazos. Cada día serán postos a disposición dos veciños e as veciñas da cidade novos exemplares, fomentando a lectura e o coñecemento sobre as nosas letras. Que viva a nosa lingua e a nosa literatura!

Doutra banda, e xa como unha referencia directa a Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano o 17 de maio, e reflexo da cultura galega no século XX, o edil de Normalización Lingüística presentou o cartel do Día das Letras Galegas 2022. Este cartaz inclúe o nome do escritor galego e abre a porta a un concurso moi especial, que será realizado a través do noso perfil oficial en Instagram, @lingua_pontevedra, baseado na idea de adiviñar que figuras de animais aparecen representadas neste cartaz, lembrando esa idea que Florencio tiña do común, entre os que se atopan os animais do país. De cara o Día das Letras Galegas será realizado un redeseño do cartaz presentado hoxe e as cinco primeiras persoas que acerten os animais representados neste e manden as súas respostas á nomeada conta do servizo gañarán un lote de libros do autor. Ficade co ollo posto no noso instagram.

Paga a pena destacar a incorporación ao programa deste ano de Bótalle un conto!, un concurso de contos orais onde a veciñanza poderá amosar a súa habilidade para emocionar ou engaiolar coa palabra. O Concello realizará gravacións en vídeo nos locais sociais das parroquias durante todo o mes onde os inscritos poderán demostrar a súa habilidade coa palabra —serán actuacións curtas, de 4 minutos—. Logo, o xurado analizará a peza e valorarán o estilo, a orixinalidade da narración e a capacidade de comunicación para seleccionar os contos que pasarán á final, que será pública e aberta e decidirán os gañadores, que optan a catro ceas para dúas persoas en locais da cidade, unha delas, para a persoa con maior puntuación, será cun menú especial de degustación. Todo aquel que queira participar pode inscribirse no teléfono 651 720 350.