O 9 de xuño entréganse os IV Premios Mil Primaveras en Pontevedra

Os Premios Mil Primaveras pechan o día 9 de xuño a edición de 2022 cun acto de entrega de galardóns que se celebrará no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n). O evento, que será público e de acceso libre ata completar a capacidade da sala, comezará ás 19.30 h e contará coa actuación de Matrioskas, unha proposta de narración e música creada por Marta Ortiz e Sofía Espiñeira.

Estes premios, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), teñen como obxectivo valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que fomenten o uso da nosa lingua e procuren o incremento do seu prestixio. Nesta cuarta edición, o xurado recoñeceu os seguintes catro proxectos:

ASOCIACIÓN FALADOIROS VIGO

A Asociación Faladoiros Vigo é unha iniciativa nacida en 2020 co fin de crear espazos amables de conversa en galego nun contexto urbano como o da cidade olívica. Tanto presenciais como en liña, buscan formar comunidade onde poder comunicarse con fluidez e adquirir o costume de falar en galego.

CARANVEXO TV

O Concello de Moaña puxo a andar a comezos do ano 2018 o proxecto Caranvexo TV, a televisión escolar de Moaña, co propósito de desenvolver un recurso de innovación educativa pensado como un proxecto colectivo, participativo e transversal para dinamizar o uso oral da lingua a través do audiovisual.

LABORATORIO DE APODERAMENTO LINGÚÍSTICO

Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (LAB) é un proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico, promovido pola cooperativa Rexenerando en 2022. Integra metodoloxías de innovación social para a sensibilización sobre a diversidade lingüística e a abordaxe do conflito lingüístico coa finalidade última de activar unha rede de mozas e mozos comprometidos coa lingua.

NA UTOPÍA

Na Utopía é unha novísima plataforma de obradoiros en liña integramente en galego sobre distintos ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos. Creouse en 2022 co fin de proporcionar a oportunidade de aprender contidos diversos na nosa lingua fóra dos circuítos formais ou académicos.

Os catro proxectos premiados recibirán un diploma e un trofeo identificativo dos IV Premios Mil Primaveras (2022), que consistirá nunha peza artística elaborada por Feituras, obradoiro de alfararía tradicional de Buño.

Os IV Premios Mil Primaveras (2022) promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

No web milprimaveras.gal está dispoñible toda a información sobre os proxectos premiados.