Enreguéifate: dez anos construíndo patrimonio

O Enreguéifate celebra unha década de traballo arredor da improvisación oral en verso como vía para o fomento da lingua galega entre a mocidade. O proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, A Baña, Carballo, Narón, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo presentou o programa da súa décima edición.

Na presentación oficial participaron a concelleira de Mocidade e Educación de Ames, Beatriz Martínez Domínguez; o concelleiro de Infancia e Xuventude de Arzúa, Daniel Moscosco Sixto; a concelleira de Acción social, Cultural e Servizos á Cidadanía da Baña, Mónica González Blanco; a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e da UMAD de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro García; os formadores do Enreguéifate Manuele Pardo e O Rabelo e mais o mestre e regueifeiro Manolo Maseda, parte da organización do Enreguéifate xunto con Séchu Sende. Tamén asistiron ao acto as técnicas dos servizos de normalización lingüística dos concellos impulsores do proxecto.

Enreguéifate, construíndo patrimonio

Baixo o lema Enreguéifate, construíndo patrimonio, «esta edición celebra dez anos de colaboración e traballo conxunto entre os concellos, a comunidade educativa e a cidadanía», segundo apuntaba a concelleira amesá, salientando tamén «o carácter expansivo, integrador e inclusivo da regueifa» e a vontade de medrar do proxecto, que este ano conta con dous concellos máis, A Baña e Narón, entre os seus impulsores. E que seguirá a medrar, nas palabras de Beatriz Martínez, «espallando o amor pola lingua, a poesía, a oralidade e o enxeño».

O programa de actividades arrincou o pasado 23 de outubro cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Cultura de Pontevedra. A actividade, á que acudiron docentes de toda Galicia para recibir formación da man de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, ofreceu ao profesorado asistente a oportunidade de coñecer ou afondar no valor da regueifa como ferramenta didáctica: explorar estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas e trasladarlle ao estudantado valores como a diversidade, a cooperación, a integración e o feminismo. Como apuntou Daniel Moscoso, concelleiro de Infancia e Xuventude de Arzúa, «a implicación da comunidade educativa e, en especial, do profesorado, fai do Enreguéifate un impulso transformador dentro e fóra das aulas, un proxecto educativo sólido que deixa unha pegada real, tanxible e duradeira no estudantado, como o demostra a participación continuada de centros escolares no Enreguéifate, a crecente participación do alumnado no certame e a proliferación de clubs de regueifa estudantís por todo o noso territorio».

Obradoiros para alumnado de oito concellos galegos

Desde finais deste mes de novembro e ata marzo de 2027, realizaranse máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos oito concellos impulsores do Enreguéifate. Estes obradoiros serán conducidos por profesionais da regueifa que transmitirán o testemuño deste patrimonio vivo ás crianzas e á mocidade. Esta edición contará coa sabedoría e a arte de ata unha decena de persoas formadoras, entre as que se atopan Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Manuele Pardo, O Rabelo, Icía Díaz, Hadrián García, Tiziana Martínez, Cristian de Burela e Sergio Alonso. Un cadro que mostra «a diversidade de xénero e idade entre as persoas encargadas de espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego», como sinalou Mónica González.

Un certame aberto a toda a cidadanía

Xunto coas actividades formativas, a programación inclúe o agardado certame de regueifas en vídeo, aberto tanto á comunidade educativa como á cidadanía en xeral. As persoas que queiran inscribirse poderán facelo do 1 de marzo ao 6 de abril de 2027, enviando un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cun máximo de tres minutos de duración. A inscrición poderá realizarse a través da páxina web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. 

O certame volverá premiar os mellores vídeos nas modalidades de regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. Oito premios por cada categoría –escolar e xeral– que teñen como obxectivo recoñecer a calidade e o enxeño creativo das regueifeiras e dos regueifeiros do país.

O Pazo da Cultura de Carballo será o escenario da entrega destes galardóns, nunha gala que terá lugar o martes 27 de abril de 2027, ás 11:30 da mañá, nunha xornada que se converterá, segundo sinalou a concelleira de Santiago, Pilar Lueiro, «nun espazo de encontro para a palabra, a música, o humor e a creatividade» para «celebrar a tradición da man daquelas persoas e colectivos que constrúen, comparten e impulsan a nosa cultura, en comunidade».

Neste curso 2026-2027, o Enreguéifate porá o acento na regueifa «como unha das manifestacións máis valiosas do patrimonio cultural inmaterial do país», como sinalou Manolo Maseda, na que florecen a lingua, a música, a identidade e cultura, fornecendo ás máis novas e máis novos de motivos polos que estarmos orgullosos e orgullosas do noso. Así, na súa décima edición, o Enreguéifate iniciará o camiño para recadar apoios para a candidatura da improvisación oral en verso como Ben de Interese Cultural (BIC).